Valentín García destaca o impulso “dos vencellos culturais coa lusofonía” do Festival aRi(T)mar
VolverO secretario xeral da Lingua participa na presentación da gala na que se entregarán os premios deste proxecto que impulsa a música e poesía galego-portuguesas
Resalta que “os lazos que nos unen con Portugal e un dos eixos nos que traballamos na renovación do Plan xeral de normalización”
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da Gala aRi(T)mar de música e poesía galego-portuguesas, un proxecto que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e que o vindeiro xoves, día 30, entregará os premios da súa décima edición.
Neste senso, o representante do Goberno galego gabou o “impulso que un ano máis lle dá esta iniciativa aos vencellos que mantemos a nivel cultural e lingüístico co mundo lusófono”, lembrando que “os lazos que nos unen con Portugal e coa súa lingua é un dos eixos nos que traballamos para fortalecer o uso do idioma, sobre todo entre a mocidade, sendo un dos bloques nos que se estrutura a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega”. A este respecto, engadiu, “entre as accións que fomentamos está tanto o estudo do galego no país veciño como do portugués en Galicia”.
Valentín García felicitou ás persoas que “fan posible que esta proposta chegue ao seu décimo aniversario potenciando esa unión entre as nosas dúas culturas a través de dúas disciplinas tan significativas a nivel comunicativo e que prestixian en boa maneira a nosa lingua”. Tamén trasladou os seus parabéns ás persoas galardoadas: Mondra, Premio á Mellor Música do Ano en Galicia; Diogo Piçarra e Pedro Abrunhosa, Premio Mellor Música do Ano en Portugal; Elba Pedrosa, Premio á Mellor Poesía do Ano en Galicia, e Cátia Cardoso, Premio á Mellor Poesía do Ano en Portugal. Así mesmo, o municipio de Braga recibe unha distinción co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona.
O responsable de Lingua convidou á cidadanía a “asistir e gozar destas propostas que nos enriquecen como sociedade”. A cita está aberta ao público en xeral con entrada de balde no Auditorio de Galicia a partir das 20,00 horas.
Un proxecto que celebra o seu décimo aniversario
aRi(T)mar Galiza e Portugal é un proxecto didáctico-cultural, que vai pola súa décimo edición, desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O seu obxectivo é divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais para achegar mutuamente a cultura e a lingua de ambas as dúas rexións no marco do fortalecemento dos vínculos coa lusofonía e na promoción do ensino do portugués.