Valentín García subliña a importancia da formación en normalización lingüística desde a educación superior
VolverO secretario xeral da Lingua clausura na USC o curso ‘Microcredencial en mestres e mestras polo galego’, unha formación específica que ofrece por primeira vez a institución académica coa colaboración da Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na xornada de clausura do curso Microcredencial universitaria en mestres e mestras polo galego: boas prácticas de normalización lingüística na primeira infancia, unha formación específica que ofrece a Universidade de Santiago de Compostela.
O responsable da Lingua agradeceulle ao alumnado participante a acollida da iniciativa, dirixida pola profesora e académica da Lingua María López Sandez, e incidiu durante a súa intervención na “necesidade de coñecer e aplicar boas prácticas en materia de sensibilización e normalización lingüística por parte dos profesionais da primeira infancia, desde a súa formación na educación superior”, así como na “gran relevancia de accións coma esta na promoción do uso da lingua nas idades temperás".
Neste senso, o representante do Goberno galego lembrou que se trata dunha iniciativa incluída no convenio que o seu departamento ten coa institución académica compostelá co obxectivo “de fomentar accións de normalización lingüística no contexto educativo”. Así, destacou que os cursos deste tipo “son esenciais para reforzar as competencias dos profesionais da ensinanza no impulso do galego, porque adquiren coñecementos e ferramentas moi útiles para desenvolver propostas didácticas en espazos de socialización como é o ámbito escolar”.
Precisamente, Valentín García fixo fincapé en que un dos eixos nos que poñen o foco as accións enmarcadas no Pacto pola Lingua “son os centros de ensino como lugares nos que se interrelaciona a xente miúda, tanto dentro das aulas como fóra delas”.
Así mesmo, resaltou “o compromiso persoal dos mestres e mestras que se interesan por esta formación, dando conta de que a lingua, o seu uso, o seu prestixio e o apego por ela é cousa de todos e todas e da implicación xeral da sociedade” e agradeceu o papel que se desenvolve desde o ámbito universitario “ofrecendo oportunidades que contribúen a reforzar a presenza do idioma”.