Valentín García enxalza o grupo ‘Ialma’ pola “súa implicación coa cultura galega máis alá da nosa terra”
VolverO secretario xeral da Lingua participa na rolda de prensa de presentación do concerto que o grupo belga ofrecerá este mércores en Padrón para celebrar o seu 25 aniversario, co que colabora a Xunta de Galicia no marco das accións de impulso do idioma
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou esta mañá na presentación da xira Ialma 25 anos-Para Galegas NÓS, onde enxalzou “o traballo, o esforzo e a implicación que coa nosa cultura e identidade se mantén máis alá da nosa terra” en referencia ao grupo galego- belga que cumpre o seu 25 aniversario cunha homenaxe a Galicia, e que conta coa colaboración da Xunta.
Así, o representante do Goberno autonómico destacou “o prestixio que supón para a nosa lingua que artistas como Ialma impulsen no mundo a tradición oral galega transmitida ao longo do tempo a través das cantareiras e pandereiteiras”. Neste senso, apuntou que desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “no marco das accións que promovemos para impulsar o idioma, temos moi en conta a súa proxección exterior, por iso tamén apostamos por este tipo de iniciativas consolidadas noutros países e tan vencelladas co noso territorio”.
Acompañado polas integrantes de Ialma, Verónica Codesal, Natalia Codesal, Marisol Palomo e Eva Fernández, Valentín García convidou á cidadanía a gozar do concerto que terá lugar este mércores, 19 de novembro, na Fundación Casa Rosalía, en Padrón. Así mesmo, durante a rolda de prensa tamén se anunciou que se fará entrega dunha placa conmemorativa a Verónica Codesal e ao músico belga Didier Laloy, que conmemora a traxectoria destes 25 anos xuntos en diversos proxectos de música galega.