O Goberno central recoñece á Xunta a inseguridade xurídica creada no programa de auxiliares de conversa pola descoordinación entre ministerios
VolverA Consellería de Educación pide na Comisión Xeral de Educación celebra hoxe unha solución de Estado ante un problema que non crearon as comunidades
Demanda tamén que se dialogue respecto ao anteproxecto de lei para reducir ratios, que se elabore unha memoria económica e se acheguen os fondos precisos
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia levou hoxe á Comisión Xeral de Educación dous asuntos de máxima importancia para o ensino da Comunidade e que o Goberno central obviou na orde do día: o problema creado ao redor do programa de auxiliares de conversa e o anteproxecto de lei de redución de ratios.
No caso dos auxiliares de conversa, os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reclamaron unha solución ante o ataque do Ministerio de Traballo a este programa estatal que Galicia desenvolve con éxito desde hai moitos anos e que compromete a súa continuidade. Tal e como xa lle adiantara o conselleiro Román Rodríguez á ministra Pilar Alegría por carta, insistiron en que dous ministerios dun mesmo goberno deben poñerse de acordo para solucionar un problema creado por eles mesmos e que afecta directamente ás comunidades autónomas como Galicia.
Esta problemática deriva de que o Ministerio de Traballo está a cuestionar as condicións establecidas polo Ministerio de Educación para estas persoas, esixíndolles un contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando estes auxiliares están definidos como persoas que participan nun intercambio cultural. Ante as queixas de Galicia, desde o Ministerio de Educación afirmaron no transcurso da reunión de hoxe que xa están a buscar fórmulas para lograr a necesaria seguridade xurídica admitindo, polo tanto, que existe unha inseguridade como consecuencia da descoordinación de dous ministerios. En concreto, comprometéronse a elaborar un ditame que poida solucionar a situación.
O programa de auxiliares de conversa está deseñado polo Ministerio de Educación e nel estas persoas non teñen a condición de traballadores do Réxime Xeral da Seguridade Social, que agora quere esixir a Inspección de Traballo. Non obstante, contan con todas as coberturas, cun seguro médico, así como cun ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención que sufraga a propia Xunta. De feito, é o Goberno galego faise cargo da maior parte do custo do programa (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).
De costas ás comunidades
Na reunión, Galicia volveu reiterar ao Ministerio que debata coas comunidades na Conferencia Sectorial o anteproxecto de lei co que o Goberno central pretende modificar as ratios máximas nas aulas, entre outros aspectos, texto que foi aprobado polo Consello de Ministros sen ningún diálogo previo. Así o expuxeron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
Galicia, que se anticipou a moitas das medidas que agora quere poñer en marcha o Estado, reclamou que se debata o tema como corresponde: no máximo órgano de representación en materia educativa entre o Goberno central e as comunidades como administracións competentes nesta materia. Neste senso, lamentaron non houbo ningún tipo de comunicación previa e non se valora a repercusión económica para as arcas autonómicas, xa que nin se elaborou unha memoria ao respecto nin se achegan os fondos necesarios.
Outros asuntos da Comisión
Máis alá disto, a Xunta de Galicia tamén pediu ao Ministerio de Educación un “modelo máis transparente” para as Conferencias sectoriais, reclamando que a ministra debería participar nestes encontros. Finalmente, solicitouse a continuidade de programas que agora están financiados con fondos de Recuperación e resiliencia, como é o caso da acreditación de competencias en FP, a través do Plan de cooperación territorial.