O secretario xeral da Lingua clausurou en Santiago a xornada ‘Tecnoloxía en galego. Resultados de ILENIA-Proxecto Nós’
Valentín García destaca os avances da Xunta para “fomentar a presenza do galego nas linguaxes dixitais”
VolverO encontro presenta os últimos resultados da iniciativa posta en marcha polo Goberno autonómico e a universidade compostelá na creación de recursos en lingua galega nas plataformas tecnolóxicas
Santiago de Compostela, 18 de decembro
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, incidiu hoxe no compromiso da Xunta “con fomentar a presenza dixital do galego, incorporándoo ás novas linguaxes e favorecendo o seu uso nas plataformas tecnolóxicas, un eido no que estamos dando grandes pasos”. Fíxoo durante a xornada Tecnoloxía en galego. Resultados de ILENIA-Proxecto Nós, celebrada en Santiago e na que se expuxeron os resultados deste proxecto posto en marcha polo Goberno autonómico en colaboración coa universidade compostelá.
Nesta liña, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o traballo realizado durante os últimos anos ao abeiro do Proxecto Nós e a súa inclusión no programa do Goberno central coñecido como ILENIA (Impulso de las lenguas en Inteligencia Artificial), destinado a avanzar en recursos de tecnoloxías lingüísticas e modelos de Intelixencia Artificial.
Así, Valentín García resaltou que “é esencial recibir as axudas que nos corresponden para seguir desenvolvendo este tipo de programas para que a nosa lingua se use en plataformas e aplicacións”, en referencia aos fondos do PERTE de nova Economía da Lingua cos que o Executivo central, dixo, “ten a responsabilidadde de fomentar o uso dos distintos idiomas oficiais no eido dixital”.
Ademais, no encontro, o responsable de Lingua fixo fincapé nos logros acadados pola iniciativa da Xunta desde o seus inicios “facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre”. Trátase dun tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, e unha aplicación de síntese de voz que le en galego, e que están á disposición e accesibles a través do portal do Proxecto Nós para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega.
Tamén agradeceu a implicación cidadá e das entidades públicas e privadas que colaboraron durante este tempo coa iniciativa, en particular coa cesión de corpus de texto e voz.
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia,que participou nun dos relatorios, referiuse á importancia do aliñamento das tecnoloxías do proxecto Nós co tradutor Gaio promovido pola Xunta, como o modelo de tradución automático neuronal, que permite traducións máis naturais e precisas e tendo en conta o contexto. Cerviño destacou que Gaio recolle anualmente 13,5 millóns de peticións de tradución, con 800 millóns de palabras.
Sobre o Proxecto Nós
O Proxecto Nós naceu no 2020 co obxectivo de garantir a presenza da lingua no entorno dixital do século XXI sendo clave na creación de infraestruturas lingüísticas de base: desde corpus abertos e bancos de datos ata ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz. En 2023, o equipo presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de grande escala adestrado integramente en galego.
Na xornada celebrada hoxe déronse a coñecer os principais avances acadados no trienio 2022-2025 no marco das tecnoloxías lingüísticas, dando conta dos principais resultados do proxecto como son datos e ferramentas como o primeiro tradutor neuronal galego-castelán-inglés, outros recursos tecnolóxicos como voces sintéticas, así como modelos de linguaxe e casos de usos en colaboración con empresas e entidades públicas.