A Xunta abre o prazo para inscribir actividades de dinamización cultural no catálogo ‘Ler Conta Moito’
VolverO Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para que aquelas persoas físicas ou xurídicas incorporen as súas propostas de cara a ser seleccionadas para a programación nas bibliotecas públicas galegas
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025
A Xunta abre o prazo para que aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas á dinamización cultural se inscriban no catálogo Ler Conta Moito 2026 que servirá para programar actividades nas bibliotecas públicas. Así, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe os requisitos que deben cumprir para incorporar as súas propostas a este programa de maneira que poidan ser seleccionadas por estes equipamentos na súa oferta cultural.
Trátase dunha convocatoria coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa a fomentar accións de animación á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vencelladas aos intereses dos distintos colectivos, e que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.
Así, con este programa preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión, e consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas de calidade.
Deste xeito, as actividades estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura promovendo a lectura, a escritura ou a creación artística; así como o pensamento crítico, a innovación e a creatividade. Ademais, as accións deben ir encamiñadas á construción social participativa, igualitaria e inclusiva.
Neste senso, as categorías dos proxectos estarán relacionadas con obradoiros, tales como os dirixidos á escritura, ilustración ou tecnoloxía, entre outras modalidades; coa narración oral, incluíndo contacontos, lecturas en voz alta ou recitais; coa divulgación do coñecemento, a nivel científico, social ou cultural; co audiovisual, abranguendo proxeccións, audicións ou ciclos de cine e música; coa creación de contidos dixitais; coas artes escénicas, como a música, o teatro ou a danza; con exposicións de moi diversas temáticas, ou con rutas e itinerarios guiados por escenarios literarios ou espazos de interese cultural.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o 26 de xaneiro de 2026 accedendo á plataforma do programa Ler conta moito no portal da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e cubrindo o formulario de alta de actividades do catálogo.