A Xunta apoia a produción de tres libros de ‘Os Balbinos’ adaptados en lectura fácil en galego

Volver

Os volumes ‘Os Balbinos visitan os pazos de Galicia’, ‘Os Balbinos visitan os museos naturais de Galicia’ e ‘A Lúa e a Bal gústalles a música’ presentáronse esta mañá

As obras inclúense nas axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude neste eido que buscan facilitar o acceso á información na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia

O Goberno galego leva investido máis de 100.000 euros nestas convocatorias desde o 2023

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia vén de apoiar a produción de Os Balbinos, liña de editorial de libros adaptados en lectura fácil. Así se deu a coñecer na presentación dos libros Os Balbinos visitan os museos naturais de Galicia, Os Balbinos visitan os pazos de Galicia e A Lúa e a Bal gústalles a música, de Xoán Carlos García Porral, Toño Núñez e ilustrados por Gabriel Iglesias Sanmartín, á que asistiron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Así, estas obras viron á luz co apoio dunha liña de axudas para a produción editorial en lectura fácil en galego impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desde 2023. Trátase dunha iniciativa na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha normativa pioneira en Europa que afonda na eliminación de barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais e territoriais.

Neste senso, a Xunta de Galicia leva investido máis de 100.000 euros co obxectivo de incentivar ás empresas do sector editorial para que incrementen a produción de libros que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á cultura, a través da posta no mercado de libros en formato de lectura fácil.

Cómpre lembrar que a lectura fácil é un método de redacción que permite entender mellor a información, presentando os contidos dunha maneira máis sinxela, tanto no referido á linguaxe como ao formato no que se presenta. Trátase dunha ferramenta no só destinada ao apoio de persoas con discapacidade intelectual, senón que tamén axuda a moitos outros segmentos da poboación que presentan dificultades de lectura e comprensión, como as persoas migrantes ou as persoas con dificultades de comprensión.

Departamento: Tema: Cultura, Lingua