Valentín García felicita os participantes en ‘21 Días co galego e +’ “pola súa implicación e traballo”

Volver

O secretario xeral da Lingua toma parte no peche da iniciativa no colexio teense dos Tilos, tras o seu comezo o pasado 6 de xaneiro

O programa celebrará o fin de festa cun encontro previsto para finais de febreiro

Na proposta, enfocada en incentivar o uso da lingua entre as xeracións máis novas, involucráronse, de maneira voluntaria, un total de 10 centros escolares

Teo (A Coruña), 6 de febreiro de 2026.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participaron hoxe no peche de 21 días co Galego e +, no colexio teense dos Tilos, onde se puxo fin á oitava edición do programa impulsado pola Xunta na que participaron 10 centros educativos de maneira voluntaria.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quixo felicitar “o alumnado, o profesorado e a todo o persoal que se involucrou unha vez máis cunha iniciativa que pon en valor e fai medrar a nosa lingua entre os máis novos desde a perspectiva dos centros escolares como lugares de socialización”, lembrando que, tras esta clausura, “agárdanos o fin de festa co que será o IV Encontro 21 Días co galego e +, previsto para finais de febreiro no Carballiño”.

Durante o acto, Valentín García fixo fincapé “no gran traballo realizado grazas a esta proposta á que se adhiren os centros que así o desexan, voluntariamente, e que este ano reuniu a máis de 3.700 persoas”, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Neste senso, puntualizou, que as accións levadas a cabo están recollidas nas redes sociais do programa e no blog 21diascogalegoemais.gal, o seu soporte central, onde se mostran as creacións de cada colexio.

A iniciativa enmárcase na liña de accións coas que o Goberno autonómico pon o foco na cativada e na xuventude, para impulsar nestas idades o uso, a presenza e o prestixio da lingua. Neste senso, lévanse a cabo outras propostas como Falamos + ou Nós tamén creamos!, que tamén teñen como escenario os centros de ensino e o obxectivo de incrementar o uso do galego entre as xeracións máis novas.

Dez participantes nesta oitava edición

Neste curso 2025/26 no programa participaron o colexio Isidro Parga Pardal, de Oleiros; o centro dos Tilos, en Teo, e aínda na provincia coruñesa, o Anxo da Garda, na cidade herculina. Tamén o colexio A Ponte e o Benigno Quiroga Ballesteros, de Lugo. A estes engádenselle en Pontevedra o centro Álvarez Limeses e os colexios Ría de Vigo e Amor de Dios, en Vigo. En Ourense participan o colexio A Ponte e o Irmáns Villar.

Departamento: Tema: