O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron a décimo quinta edición do certame

A Xunta lanza unha nova edición do concurso ‘Lingua de namorar’ para promover o uso do galego entre a mocidade nas novas tecnoloxías e redes sociais

Volver

A iniciativa promove a creación de mensaxes de amor na nosa lingua e abrangue tres categorías de participación, unha delas exclusiva para Instagram

Está destinada a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos, que teñen ata o 16 de marzo para achegar as súas creacións

Os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientan o papel das novas aplicacións para “ampliar o uso e prestixio do galego entre a rapazada”

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron hoxe unha nova edición de Lingua de namorar, o certame en liña da Xunta de Galicia que promove desde hai 15 anos o uso da lingua galega nas novas tecnoloxías e redes sociais por parte da mocidade convidándoa a crear mensaxes de amor na nosa lingua.

Tal e como indicaron os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, trátase dun certame “consolidado entre a xuventude galega” que “tira proveito da conexión que ten a xente moza coas novas aplicacións e demóstralle o potencial do galego non só como ferramenta útil de comunicación a través delas, senón como linguaxe creativa”. Estas iniciativas, segundo aseguraron, están a propiciar “ampliar o uso e prestixio da nosa lingua entre a rapazada”.

Na presentación, explicaron que, seguindo as anteriores convocatorias, esta edición conta con tres categorías: dúas para a web e unha exclusiva para a rede social Instagram. Neste senso, convidaron a mocidade a participar facendo chegar, ata o 16 de marzo, “as súas mensaxes indistintamente, en prosa ou en verso, pero sempre en galego”.

Para participar a través da páxina web os participantes terán que presentar un formulario de inscrición no portal propio do certame. A primeira modalidade é para a mocidade de 14 a 19 anos, mentres que a segunda abrangue o tramo de idade dos 20 ata os 35. As mensaxes que participen nestas dúas primeiras non deberán superar os 350 caracteres e serán publicadas na páxina do concurso, identificadas polo título e o número que se lles asigne. As declaracións de amor gañadoras serán as únicas que, posteriormente, se identifiquen co nome e apelidos dos autores.

En canto á modalidade exclusiva para Instagram, está aberta a toda a mocidade desde os 14 aos 35 anos, que poderá participar directamente na imaxe habilitada para o concurso no perfil @xuventudegalicia. Neste texto indicarase, en primeiro lugar, un cancelo que recolla o título e, deseguida, a mensaxe de amor. Ao final da dita publicación engadirase tamén o cancelo #LinguaDeNamorar. Ademais diso, as persoas participantes deberán etiquetar dúas amizades da rede social e seguir as contas @linguagalega e @xuventudegalicia, sen exceder os 200 caracteres nas mensaxes.

Fase de votación e persoas gañadoras

As dúas primeiras categorías contarán con dúas fases de selección. Na primeira delas, do 17 ao 22 de marzo, as persoas que o desexen poderán votar polas súas mensaxes favoritas na páxina do concurso, previo rexistro nesta. Despois, o xurado elixirá as propostas gañadoras entre as 50 máis votadas de cada sección.

No caso dos textos presentados en Instagram, o xurado fará unha preselección de seis mensaxes de entre todas as presentadas e, posteriormente, do 8 ao 12 de abril, o público poderá votar pola súa favorita. Rematado o prazo de votación computaranse os gústame que reciba cada mensaxe e gañará aquela que acade o maior por parte do público.

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 14 de abril tanto nas páxinas web de Xuventude e no Portal da Lingua Galega como nos perfís de Instagram @xuventudegaliciav e @linguagalega. A persoa autora da mensaxe gañadora a través da rede social poñerase en contacto coa organización antes do 20 de abril para reclamar o premio e facilitar os datos de contacto.

Premios e cerimonia de entrega

No que respecta aos premios, establécense tres por cada unha das modalidades web. Os primeiros recibirán unha tableta, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos sen fíos. Pola súa parte, a de Instagram terá unha única persoa gañadora que recibirá unha tableta. A data da cerimonia de entrega dos premios publicarase no espazo web específico deste concurso, onde tamén se poderán consultar as bases completas para participar.

Departamento: Tema: