O secretario xeral da Lingua participou na presentación do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, organizado pola fundación do autor coa colaboración da Xunta de Galicia
Valentín García destaca o “impulso de iniciativas que prestixen a lingua a través de proxectos culturais entre a comunidade escolar”
VolverA proposta propón traballar ao redor do patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico galego
Establécense dúas modalidades, dotadas cun premio de 7.000€ cada unha, que se destinará ao desenvolvemento do proxecto
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación do XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. Trátase dunha iniciativa impulsada pola fundación dedicada ao autor e co que colabora a Xunta de Galicia co obxectivo, apuntou, de “favorecer que se leven a cabo actividades entre a comunidade escolar que poñan en valor a lingua, a prestixien e fomenten o seu coñecemento e uso, relacionándoa directamente coa nosa cultura”.
Así, durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que un dos obxectivos do Goberno galego , “é chegar á xente nova propoñendo e apoiando propostas que incentiven a creación de ámbitos nos que a lingua teña un papel destacado” como é neste caso, dixo, este traballo dirixido aos centros de ensinanza de Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Especial .
Neste senso, tal e como se explicou na presentación, a convocatoria convida ao alumnado, seguindo a liña trazada polo labor docente e científico de Antonio Fraguas, a realizar pescudas sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico galego. Ademais, Valentín García fixo fincapé en que un capítulo do traballo dedicarase a abordar algún aspecto lingüístico “xa sexa a toponimia, antroponimia, léxico ou fraseoloxía”.
Dúas modalidades dotadas con 7.000€ cada unha
No marco desta convocatoria, os centros escolares realizarán proxectos orientados á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valorización dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.
Establécense dúas modalidades, unha para Primaria e outra para Secundaria. Así, o xurado escollerá un proxecto de cada unha delas que deberá ser desenvolvido durante o seguinte curso escolar e ao que se destinará na súa totalidade a dotación do premio, 7.000€. Nesta liña, inclúese a adquisición de material escolar ou o equipamento destinado ao seu desenvolvemento, así como a elaboración dos elementos que reflictan o traballo realizado, presentados en lingua galega e no formato axeitado para a súa exposición.
Cómpre destacar que se valorarán as accións que fomenten a educación en igualdade, o coñecemento do patrimonio material e inmaterial relacionado co Camiño de Santiago, a orixinalidade e a diversificación temática respecto dos proxectos premiados nas edicións anteriores. Así mesmo, considérase mérito a participación da comunidade escolar no seu conxunto (alumnado, profesorado, persoal non docente, familias) e a implicación da poboación.