O secretario xeral da Lingua presentou a IX edición deste cita que se celebra en Santiago

Valentín García pon en valor a contribución á produción poética en galego do festival ‘Alguén que respira!’, impulsado co apoio da xunta

Volver

O certame ofrecerá na capital galega do 18 ao 21 de marzo recitais, faladoiros, cinema, música e propostas performáticas

Olga Novo, Premio Nacional de Poesía, abrirá un programa con corenta voces creadoras como Andrea Nunes, Simon Ó Faoláin ou Guadi Galego

Inclúe a entrega dos premios de poesía para estudantado galego que reciben este ano Mariano Blanco, Mencía Rodríguez, Lucía Gaute e Carmen Fernández

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo en valor “a contribución ao prestixio e á produción poética en lingua galega” que representa o festival Alguén que respira!, organizado co apoio da Xunta de Galicia para pór en valor o talento dos nosos creadores e do noso idioma a través da poesía.

Durante a presentación no Pazo de Raxoi, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que este certame, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 18 e o vindeiro día 21, coincidindo co Día Mundial da Poesía, “reflicte a alta calidade dos autores e autoras que apostan polo galego como ferramenta da súa creatividade”. Ademais, salientou o feito de que, en cada edición, “sitúen a capital galega como epicentro e punto de encontro poético”.

Deste xeito, durante tres xornadas o Teatro Principal acollerá recitais, faladoiros,  concertos, cinema e propostas performáticas, onde participarán máis de 40 poetas, músicos ou creadores. A Premio Nacional, Olga Novo, será a encargada de abrir a programación.

Ademais, contará coa participación de autores internacionais, como o poeta irlandés Simon Ó Faoláin e tamén das voces máis destacadas da poesía performática galega como Estevo Creus, Nuria Vil, Samuel Merino, Isaac Xubín, Silvia Penas, Lucía Aldao, Nieves Neria ou María Grandío. De igual forma, ofrecerá propostas que fusionarán música e palabra da man de Guadi Galego, Faia, Woyza e Nuno Pico.

Entrega de premios ao estudantado

O certame tamén ten como unha das súas actividades centrais Letras novas, recital protagonizado polo estudantado premiado nos galardóns Respira!, que este ano reciben Mario Blanco Boullosa, na categoría universitaria, co poema Onte fomos nenos e xa non;  Mencía Rodríguez Lorenzo, no apartado de Bacharelato e ciclos formativos de 1º grao, co traballo Non me lembro de nada; Lucía Gaute Fernández, de Secundaria co poema A memoria, e, finalmente, Carmen Fernández Castillo, alumna de Primaria co seu poema Sitch.

Departamento: Tema: Lingua