Valentín García gaba a implicación da comunidade escolar e familias en accións que fomentan o galego nos espazos de socialización dos centros educativos

Volver

O secretario xeral da Lingua salienta que máis de 2.600 alumnos participaron na cuarta edición do ‘Modo Galego, Actívao!’, que culminará cun festival o 17 de abril

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca que reflicte “o compromiso dos máis novos co prestixio do noso idioma e a nosa cultura”

O proxecto pretende explorar novas maneiras de dinamizar a lingua entre a cativada e a mocidade

Ames (A Coruña), 7 de abril de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrou hoxe a “implicación da comunidade escolar e familias en iniciativas que fomenta o maior emprego do galego nos espazos de socialización dos centros educativos”. Fíxoo na presentación do festival de clausura da cuarta edición do programa de dinamización lingüística Modo Galego, Actívao!, que terá lugar o vindeiro 17 de abril na explanada pavillón municipal de Bertamiráns, no concello coruñés de Ames, e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que nesta proposta, que desenvolven a Real Academia Galega e o concello de Ames, participaron máis de 2.600 alumnos e alumnas coas súas correspondentes familias, así como case 300 docentes e persoal de administración e servizos. Todos eles pertencentes aos centros educativos de infantil, primaria e secundaria de Ames, as dúas escolas infantís municipais, os servizos complementarios de educación municipais e as escolas deportivas municipais.

Ao respecto,  Valentín García considerou que o “éxito de participación” nestas iniciativas demostra “un interese cada vez maior pola nosa lingua e polo seu emprego desde as idades máis temperás e en todos os eidos”. Consecuentemente, asegurou que se corresponde tamén “cun maior prestixio do noso idioma e da nosa cultura”.

Cómpre destacar que este programa únese a outras propostas enfocadas nos máis pequenos e impulsadas a través do paquete de medidas da Xunta, que tamén teñen como escenario os centros escolares, como o 21 días co galego e +, o Falamos + e as distintas iniciativas como os contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.gal. A isto súmanselle grupos de conversa para a mocidade ou cursos específicos para persoas non nacidas en Galicia.

Actuacións musicais

A cuarta edición de Modo Galego, Actívao! clausurarase o vindeiro  venres, 17 de abril, cun festival con actuacións musicais en galego para todos os públicos, que terá lugar, entre as 17,00 e as 21.00 horas, na explanada do pavillón municipal de Bertamiráns. Nesta cita actuarán o grupo de música tradicional As Mainas, creador da banda sonora deste programa, e dúas das bandas máis recoñecibles do panorama da música infantil en galego, como son Gramola Gominala e Uxía Lambona e a Banda Molona. 

Departamento: Tema: Cultura, Lingua