O directora xeral de Xuventude acompañou o grupo de estudantes do Bierzo e Sanabria que visitan estes días Galicia á súa chegada ao albergue das Sinas
Lara Meneses recibe o alumnado de galego de Castela e León co desexo de que "gocen da experiencia e se acheguen á nosa cultura"
VolverA viaxe realízase como actividade complementaria no marco do Programa de promoción do galego nos territorios limítrofes con Galicia da comunidade veciña
Durante dous días os participantes realizan distintas visitas e actividades de lecer na zona
No presente curso están matriculadas nesta proposta formativa, impulsada polo Goberno castelán-leonés co apoio da Xunta, 1.200 persoas, 30 máis que no anterior
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 9 de abril de 2026
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, recibiu hoxe no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, ao grupo de 65 estudantes de Primaria que durante dous días visitan Galicia no marco das actividades vencelladas ao programa de promoción do galego nos territorios limítrofes de Castela e León, que conta co apoio da Xunta.
Así, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deu a benvida ao alumnado procedente do Bierzo e Sanabria agardando “que aproveiten e gocen desta experiencia para coñecer a nosa terra, achegándose aínda máis á nosa cultura, á nosa lingua e á nosa paisaxe, completando así a formación que desde a súa Comunidade os vencella con nós”. Ademais, resaltou a colaboración entre as distintas áreas da consellería, como a Secretaría Xeral da Lingua, “para reforzar este tipo de propostas que favorecen ambientes nos que impulsar o uso do galego, poñendo á súa disposición todos os nosos recursos”, referíndose así ás actividades de lecer que realizarán nas instalacións de Vilanova de Arousa, así como as visitas pola zona.
Cómpre lembrar que este programa é unha iniciativa do Executivo castelán-leonés apoiada pola Xunta de Galicia ao abeiro dun protocolo de colaboración asinado en 2006 para potenciar os estudos de galego, de carácter voluntario, na ensinanza non universitaria no Bierzo e en Sanabria. Trátase duns estudos que cada vez están máis consolidados, chegando neste curso 2025-2026 ás 1.207 persoas matriculadas, case 30 máis que no curso pasado, afianzando deste xeito o interese pola aprendizaxe da lingua e o compromiso do Goberno autonómico co seu impulso máis alá da propia Comunidade.
Este ano participan nesta formación 13 centros de Educación Infantil e Primaria da comarca do Bierzo e un da comarca de Sanabria, que suman 991 estudantes. Tamén se imparten clases en catro centros de Secundaria do Bierzo, con 158 alumnos, e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, con 58 matrículas.
Ás horas lectivas únenselle outras actividades extraescolares complementarias como é a organización das XVIII Xornadas Martín Sarmiento, a celebración das Letras Galegas e a viaxe do alumnado participante para coñecer Galicia, unha experiencia que repetirá os días 16 e 17 deste mes o estudantado de Secundaria.