O secretario xeral da Lingua participou na reunión da comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Euskadi, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares
As comunidades con lingua propia recoñecen o proxecto audiovisual galego ‘Pensión incompleta’
O grupo outorga á serie producida polas televisións públicas TVG, EITB, 3CAT e Voz Audiovisual o Premio á Diversidade Lingüística gravada en catro idiomas oficiais
Bilbao (Euskadi), 14 de abril de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe en Bilbao na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Valencia e Illas Baleares, unha reunión que se produce cada ano no marco da cooperación entre os departamentos desta materia das comunidades autónomas con lingua propia.
Ao abeiro desta xuntanza, o grupo decidiu recoñecer co Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español a serie galega Pensión incompleta, a primeira rodada nas catro linguas oficiais de España e producida por EITB, TVG, 3CAT e Voz Audiovisual. Neste senso, o representante da Xunta de Galicia mostrou a súa satisfacción porque se trata “dun proxecto pioneiro que leva selo galego e no que colaboramos directamente desde o Goberno autonómico cunha axuda á producion de 240.000€”.
Así mesmo, o representante da Conselleria de Cultura, Lingua e Xuventude, destacou que o recoñecemento “pon en valor a fórmula de colaboración entre televisións autonómicas para levar a cabo unha produción audiovisual que, a través dunha estrutura narrativa compartida, retrata a riqueza cultural, lingüística e natural dos diferentes territorios”.
Nesta liña, Valentín García lembrou que o premio distingue o labor realizado por persoas, entidades ou empresas no ámbito da defensa e a promoción da diversidade lingüística, e que que foi concedido por última vez en 2020 a outro proxecto galego, concretamente ao disco multilingüe Immersión, no que a artista Guadi Galego incluíu cancións en sete linguas peninsulares.
Outros asuntos tratados na xuntanza
Por outro lado, durante a xuntanza fíxose repaso dos avances levados a cabo sobre algúns asuntos que se trataron en 2025 no encontro que tivo lugar en Santiago de Compostela. Trátase de cuestións que teñen que ver coa situación das linguas nos ámbitos non formais, especialmente no que se refire á mocidade, “no que o Goberno galego está a incidir con distintas medidas formuladas ao abeiro do Pacto pola Lingua”, apuntou Valentín García.
Na orde do día tamén se avaliou a evolución do novo Consejo de las Lenguas Oficiales, constituído en Donostia o pasado mes de novembro. Cómpre lembrar que este órgano estatal de seguimento en materia de política lingüística substituíu ao anterior incorporando, entre outras novidades, como membros de pleno dereito os representantes das comunidades autónomas con linguas oficiais: Galicia, Euskadi, Cataluña, Navarra, Valencia e Illas Baleares. Neste senso, os representantes dos distintos territorios coincidiron en que “é prioritario que tanto nese como en todos os programas e iniciativas de nova implementación se atenda á realidade plurilingüe do Estado e á protección e promoción do uso das linguas oficiais”.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Lingua