O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude respondeu unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia sobre o seu departamento, na véspera do Día do Libro
López Campos salienta a suba en nove puntos da lectura en galego, que supón que en Galicia sete de cada dez persoas le na nosa lingua
O representante da Xunta destaca os datos do ‘Informe de Hábitos lectores en 2025’, que reflicte unha suba de nove puntos neste indicador con respecto ao ano anterior
O titular de Cultura celebra a consolidación “dunha Galicia lectora” cun 96,5% da poboación maior de 14 anos que le en calquera medio ou soporte, “situándonos por riba da media estatal”
Apunta a suba da lectura no soporte dixital, en 2,2 puntos, e dos oíntes de audiolibros en máis de tres
Celebra o “bo momento” do libro galego e pon en valor o “compromiso e constante apoio” do Goberno galego cun investimento de 3M€ para este sector
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe que o número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua “medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, o que supón que falamos de sete de cada dez galegos”, celebrou. Así o destacou en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia, coincidindo coa véspera do Día do Libro, na que puxo en valor os datos do último Informe de hábitos lectores.
Neste senso, o titular de Cultura do Goberno galego indicou que, ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación “dunha Galicia lectora”. Así, fixo referencia aos indicadores que reflicten que o “96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España”. Ademais, incidiu no dato de que o 70 % destas lecturas son de libros.
Gran momento do sector do libro galego
Precisamente, o conselleiro considerou que o sector do libro galego está a atravesar un “bo momento cos mellores datos históricos de oferta e consumo cultural”. Ao respecto, apuntou a edición de 3.000 libros, dos cales 2000 foron na nosa lingua, “é dicir, un 60 %” e a facturación de “27,6 millóns de euros, 14 M€ correspondentes a libros en galego”.
Ademais, fixo fincapé no “compromiso e constante apoio” que as editoriais reciben da Xunta, “tal e como demostran os 3 millóns de euros de investimento que se realizará este ano”.
Nesta liña, tamén incidiu nas partidas específicas da Consellería de Cultura, entre as que citou os 250.000 euros para edición de libros “que lle permitirá a medio cento de editoras sacar adiante uns 300 títulos” ou os 200.000 euros dedicados á tradución, “co que se apoia a máis de 20 editoras para publicar case un cento de títulos”.
Nesta mesma estratexia de apoio por parte do Goberno galego, lembrou os 150.000 euros para a produción de audiolibros e libros de lectura fácil ou os 550.000 euros destinados a mellorar as coleccións das bibliotecas públicas e as novidades editoriais en lingua galega de preto de 200 concellos. “Todas estas partidas son unha mostra clara do compromiso permanente deste Goberno coa cultura e o sector do libro e que imos seguir mantendo”, aseverou para concluír.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua