A Xunta incrementa un 50% as axudas á edición de materiais didácticos en lingua galega para 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude eleva ata os 300.000 euros a contía para fomentar a elaboración e publicación destes recursos curriculares

As editoriais poderán solicitar estas subvencións a través da sede electrónica da Administración autonómica desde mañá ata o 22 de maio

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026

A Xunta de Galicia incrementa un 50 % as axudas á edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios ao elevar a achega para este ano ata os 300.000 euros. Así se recolle na convocatoria que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia  a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para materiais en formato impreso ou dixital.

O obxectivo desta liña de axudas, dirixida ás empresas do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado e así favorecer o tecido da industria editorial galega. Aquelas que cumpran os requisitos deberán enviar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta ata o 22 de maio.

No marco desta medida serán subvencionables os recursos realizados en soportes impresos ou dixitais. Quedarán excluídos os libros de creación literaria, dicionarios, enciclopedias, libros de bibliófila, volumes de difusión gratuíta, publicacións de clubs de lectura ou similares, obras que non sexan primeira edición ou proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunhas das tres últimas convocatorias.

Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, mentres que en dixital ou audiovisual será de 500. As publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, CD, DVD ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

Os proxectos presentados serán valorados por unha comisión en función da súa orixinalidade e da súa calidade, que se medirá en función da adaptación  dos materiais ao currículo oficial, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecemento do alumnado ao que se destina, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade cultural e social de Galicia e, tamén, da calidade lingüística.

Ademais, os materiais destinados á formación profesional específica ou ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obterán un incremento final da puntuación global dun 20%.

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Lingua