O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na inauguración en Vigo da exposición itinerante que reinterpreta graficamente textos da escritora
López Campos erixe a Rosalía de Castro como “símbolo lexítimo de Galicia” pola súa “influencia e referencia” no pensamento e disciplinas artísticas da comunidade
O titular de Cultura do Goberno galego celebra o interese de 35 creadores en darlle forma plástica aos seus versos “demostrando a plena vixencia da súa obra”
A mostra pode verse na sede da Deputación na urbe olívica ata o 12 de xuño para, a continuación, itinerar á cidade de Pontevedra
Vigo, 5 de maio de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a figura de Rosalía de Castro como “símbolo lexítimo” de Galicia pola súa “ilimitada influencia e referencia no pensamento e disciplinas artísticas da Comunidade”. Así o asegurou durante a súa intervención na inauguración, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, da exposición itinerante Rosalía Ilustrada, que conta co apoio da Xunta e na que 35 creadores interpretan graficamente un texto da escritora.
O representante do Goberno galego salientou que o impacto de Rosalía de Castro “hai tempo que traspasou os límites da literatura para converterse en inspiración en case todas as disciplinas artísticas”, entre as que citou a música, que a teñen situado na autora máis musicada, e a plástica “onde é incontestable que deixou unha fonda pegada, tanto na arte como no deseño”, aseverou con respecto a esta mostra.
Por estes motivos, celebrou a recuperación por parte da Fundación Rosalía de Castro da exposición Rosalía Ilustrada, proxecto que botou a andar en 2004 con 25 obras e un libro, dirixido por Ana Blanco e comisariado por Fausto Isorna, e que agora se amplía engadindo 10 artistas gráficos novos, “o que reflicte o inesgotable interese pola nosa escritora máis universal e demostra a plena vixencia da súa obra”, subliñou.
Deste xeito, esta iniciativa creativa, que pode verse ata o 12 de xuño e que despois itinerará á cidade de Pontevedra, amosa as interpretacións gráficas de textos de Rosalía de Castro de Carlos Arrojo, ‘O Bichero’ (Luís Davila), Manel Cráneo, Elga Fernández ‘, Bea Gregores, Leandro Lamas, Bea Lema, Iria Ribadomar, Álvaro de la Vega, Andrea de Toba, Fran Bueno, Pepe Carreiro, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Fausto, Federico Fernández, Norberto Fernández, Jacobo Fernández, Anxeles Ferrer, Raquel González, Nacho Hortas, Fernando Iglesias, Fran Jaraba, Xan López Domínguez, Fino Lorenzo, Primitivo Marcos, Xaquín Marín, Andrés Meixide, Pablo Otero Peixe, Miguelanxo Prado, María Fe Quesada, Miguel Robledo, Kiko da Silva, Manuel Uhía e Óscar Villán.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua