A Xunta impulsa a programación de actividades de dinamización da lectura en 190 concellos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución dos espazos que recibirán as axudas para pór en marcha as accións enmarcadas no programa Ler Conta Moito 2026
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fortalece así o papel dos equipamentos municipais no desenvolvemento de propostas de animación á lectura
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
A Xunta de Galicia facilita a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas e axencias de lectura en 190 concellos a través do catálogo Ler Conta Moito 2026. Así o publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, onde se recolle a resolución dos equipamentos da Rede Galega de Bibliotecas Públicas que recibirán as achegas desta convocatoria para desenvolver a súa oferta cultural ao abeiro desta iniciativa.
Trátase dunha liña de axudas coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa a fomentar accións de animación á lectura a través dun calendario de propostas de calidade, atractivas, vencelladas aos intereses dos distintos colectivos, e que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.
Así, con este programa, desde o Goberno galego preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión, e consolidar a programación compartida da rede coa renovación permanente de accións.
Deste xeito, as actividades estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e garantir o acceso igualitario á cultura promovendo a lectura, a escritura ou a creación artística; así como o pensamento crítico, a innovación e a creatividade. Ademais, as accións deben ir encamiñadas á construción social participativa, igualitaria e inclusiva.
Neste senso, as categorías dos proxectos estarán relacionadas con obradoiros dirixidos á escritura, ilustración ou tecnoloxía, entre outras modalidades; coa narración oral, incluíndo contacontos, lecturas en voz alta ou recitais; coa divulgación do coñecemento, a nivel científico, social ou cultural; co audiovisual, abranguendo proxeccións, audicións ou ciclos de cine e música; coa creación de contidos dixitais; coas artes escénicas, como a música, o teatro ou a danza; con exposicións de moi diversas temáticas, ou con rutas e itinerarios guiados por escenarios literarios ou espazos de interese cultural.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua