O secretario xeral da Lingua participa en Estocolmo en varias citas convocadas pola Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística

Valentín García pon en valor en Europa as medidas da Xunta para dinamizar o uso e o prestixio do galego

Destaca que “o traballo realizado ao abeiro do Pacto pola Lingua é moi recoñecido polos territorios con linguas propias que forman parte da rede”

A entidade está formada por institucións e gobernos que, desde 2008, poñen en común estratexias que avogan polo multilingüismo

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou estes días en Estocolmo en diversas citas convocadas pola Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística, onde deu conta ante os representantes doutros territorios con linguas propias dos proxectos da Xunta de Galicia para dinamizar o galego, “un traballo realizado ao abeiro do Pacto pola Lingua moi recoñecido e valorado pola rede”, apuntou.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, expuxo  ante o Comité de Dirección e na Asemblea Xeral da entidade “as medidas postas en marcha a curto prazo para incentivar o uso do idioma en moi diversos ámbitos, así como diversas accións máis amplas que implica, entre outras, a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega”. Neste senso, explicou que “é moi positivo para nós dar a coñecer polo miúdo a nosa proposta para prestixiar a lingua e que poidamos ser un exemplo a seguir para outras comunidades lingüísticas semellantes á nosa en toda Europa”.

Ademais, tal e como explicou Valentín García, “estes encontros, á parte de para fortalecer os vínculos, tamén nos serven para enriquecernos e coñecer outro tipo de estratexias, á vez que nos achegamos aos últimos avances, como os proxectos que teñen que ver co eido dixital e a intelixencia artificial”. Unha liña na que, dixo, “Galicia tamén ten moito que dicir”, referíndose a iniciativas como o Proxecto Nós, enfocado en que o galego estea presente nas distintas aplicacións e plataformas.

Por outra banda, o secretario xeral da Lingua do Goberno galego tamén asistiu hoxe á Conferencia anual da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística que este ano levou por título 25 anos da Carta Europea en Suecia: logros, lagoas e direccións futuras en Suecia e máis aló. Trátase dun encontro que versa sobre as directrices da Carta Europea das Linguas, a súa aplicación e a súa actualización. Unha folla de ruta que, lembrou, “seguimos como unha das bases para desenvolver o noso Pacto pola Lingua, tendo en conta as súas recomendacións”.

Un espazo para o intercambio de experiencias

A Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística foi fundada en 2008 integrando institucións académicas, organismos de diversa natureza e gobernos rexionais e nacionais de diferentes países europeos destinada a crear un ámbito no que o multilingüismo, a diversidade lingüística e a aprendizaxe das linguas consideradas minoritarias se promovan activamente en todas as franxas de idade da poboación europea. A Xunta de Galicia está integrada neste proxecto desde a súa fundación e forma parte do comité executivo.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Lingua