O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude inaugurou o mercado galego de artes escénicas xunto a nova presidenta da asociación Escena Galega, Eva Alonso

López Campos salienta o papel de Galicia Escena Pro como grande escaparate para a proxección dos espectáculos galegos

O responsable de Cultura destaca a capacidade desta iniciativa para favorecer a contratación e internacionalización das montaxes de todos os xéneros producidas no país, así como o encontro entre compañías, programadores e axentes culturais

A cita reúne ata o xoves 28 un total de 252 profesionais acreditados e 32 espectáculos e proxectos de produción galega

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, referiuse hoxe a Galicia Escena PRO como “o grande escaparate aberto para a proxección da creación galega” e como o espazo de referencia que “fomenta o diálogo e a actividade profesional do sector”. Fíxoo durante o acto de inauguración e benvida da 13ª edición do mercado das artes escénicas organizado pola Xunta de Galicia xunto coa asociación Escena Galega, que se desenvolve ata o xoves 28 en Santiago de Compostela.

López Campos participou na apertura oficial celebrada na praza de Mazarelos, onde estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e pola nova presidenta de Escena Galega, Eva Alonso. As intervencións déronlle paso á peza de danza Diz-me, meu amor, de Raquel Ferradás e María de Vicente, incorporada á programación inaugural desta nova edición.

O titular de Cultura da Xunta atribuíulle a Galicia Escena PRO ser “un programa plenamente consolidado, que exerce un papel relevante na dinamización da súa contratación de espectáculos”. Neste sentido, lembrou que a cita reúne este ano unha cifra récord de 252 profesionais da programación, distribución e produción cultural, que poderán coñecer 32 propostas e proxectos galegos, así como outros dous de fóra da nosa Comunidade (de Madrid e Valencia), ao longo de catro xornadas.

Punto de encontro profesional

López Campos puxo en valor, ademais,  a solidez das artes escénicas galegas, cun tecido “moi sólido e profesionalizado” no que conviven compañías consolidadas e formacións emerxentes e incidiu en que o Goberno galego impulsa Galicia Escena PRO para favorecer a internacionalización dos proxectos creados na Comunidade e abrir novas oportunidades de contratación. Lembrou, así mesmo, que esta edición rebordou a marca de propostas artísticas recibidas, con 82 candidaturas para funcións completas e 54 para presentacións en formato ‘pitching’.

Destacou, así mesmo, a capacidade de Galicia Escena PRO para converter Santiago de Compostela “na capital e epicentro das artes escénicas”, xa que a cidade se transforma nestes días nun gran escenario aberto ao que contribúe a actividade desde cinco espazos pechados e tres localizacións nas prazas da zona monumental.

32 espectáculos e proxectos

A 13ª edición de Galicia Escena PRO inclúe 19 montaxes galegas en formato completo e 13 proxectos de próxima estrea que se presentarán ante profesionais da programación, a distribución e a xestión cultural. A esta carteleira súmase unha proposta de danza procedente de Valencia e outra de teatro familiar de Madrid, en virtude dos acordos acadados con Dansa València e MADFeria. Reúnense así propostas de teatro, danza e artes do movemento, circo, teatro físico, creación contemporánea e linguaxes híbridas, a cargo tanto de compañías de longa traxectoria como de formacións emerxentes.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle a Zona PRO, onde se desenvolverán unhas 400 reunións profesionais concertadas, os encontros de traballo, as presentacións breves e dúas mesas-coloquio arredor da circulación e distribución escénica. A programación artística desenvólvese no Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca, a Fundación SGAE, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Sala Riquela e as prazas de Mazarelos, A Quintana e San Martiño Pinario.

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Cultura, Lingua