A Xunta destaca os lazos históricos entre Galicia e O Uruguai na inauguración en Santiago da exposición do xornalista e caricaturista Jaime Clara
Os secretarios xerais da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e da Lingua, Valentín García, participaron no acto no que tamén tomou parte o cónsul do Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, xunto ao propio Jaime Clara
Miranda puxo en valor a exposición como espazo de encontro cultural destacando a traxectoria do xornalista uruguaio, quen a través das súas caricaturas “consegue unir memoria, arte e identidade nun diálogo que vai máis alá das fronteiras”
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026
Os secretarios xerais da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e da Lingua, Valentín García, participaron hoxe en Santiago de Compostela na inauguración da exposición de caricaturas do xornalista Jaime Clara titulada España e Uruguai, cartografía afectiva, impulsada pola Xunta co Consulado do Uruguai en Galicia. No acto no que tamén tomou parte o cónsul do Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, ademais do propio Jaime Clara, Miranda destacou a capacidade da cultura para “crear pontes entre pobos e manter viva a memoria compartida entre Galicia e O Uruguai”.
O secretario xeral puxo en valor os profundos vínculos históricos que unen ambos territorios e lembrou que “miles de galegos atoparon no Uruguai un lugar onde construír unha nova vida sen renunciar nunca á súa identidade”. Neste sentido, salientou o papel desenvolvido ao longo das décadas pola colectividade galega asentada no país suramericano na preservación da lingua, da cultura e das tradicións galegas.
Miranda tamén subliñou o valor desta exposición como espazo de encontro cultural e destacou a traxectoria de Jaime Clara, quen a través das súas caricaturas “consegue unir memoria, arte e identidade nun diálogo que vai máis alá das fronteiras”. Finalmente, lembrou que Galicia continúa fortalecendo os seus vínculos coa diáspora “nun momento no que a historia migratoria galega incorpora unha nova realidade: a dunha Galicia que tamén é terra de retorno e de oportunidades”.
Departamento: C. de Emprego, Comercio e Emigración, C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Emigración, Lingua