A Xunta abre o prazo para solicitar as bolsas de lectorados de lingua en nove universidades do mundo
A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, abrangue os Centros de Estudos Galegos de institucións académicas de España, Portugal, Brasil, Italia e Croacia
A finalidade da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é que os titulados completen a súa formación á vez que se consolida o ensino do galego no exterior
A esta proposta súmanselle as prazas por contratación que se poñen a dispor dos interesados en Reino Unido, Francia e Poloña
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
A Xunta de Galicia abriu hoxe o prazo para solicitar as bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas que ofrece en nove universidades de España, Portugal, Brasil, Italia e Croacia, e as que se destinan 433.353€ no marco do compromiso do Goberno autonómico coa proxección exterior da lingua e coa inserción no mundo laboral.
A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, recolle as bases dun programa co que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece aos titulados universitarios, que cumpran cos requisitos, a posibilidade de incorporarse aos Centros de Estudos Galegos co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a dar o paso ao mundo profesional. Ademais, isto vai en consonancia co obxectivo de consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras institucións académicas de interese estratéxico.
Poderán concorrer, presentando a petición a través da sede electrónica da Xunta no prazo dun mes a partir do día seguinte á publicación, as persoas que estean en posesión das titulacións de filoloxía galega e filoloxía románica, os graos en Lingua e Literatura Galegas, Estudos de Galego e Español, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Filoloxía Aplicada Galega e Española e estudos Lingüísticos e Literarios en Galego e Portugués. Tamén se poderá presentar quen estea en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades ou da área de Ciencias Sociais e Xurídicas ou os lectores que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar por causas alleas á súa vontade.
Cómpre destacar que as persoas interesadas poderán optar a unha experiencia de tres anos de duración cun marcado carácter práctico, con actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, abranguendo non só o ámbito universitario, tamén a súa área de influencia. A oferta abrangue os Centros de Estudos Galegos localizados na Universidade do Algarve e na Universidade Nova de Lisboa, en Portugal; na Universidade do Estado do Río de Janeiro e na Universidade de Sao Paulo, en Brasil; na Univsersitat Autònoma de Barcelona, na Universitat de Barcelona e na Universidad de Extremadura, en España; na Università degli Studi di Padova, en Italia, e na Sveučilište u Zadru, en Croacia.
A esta proposta para bolseiros úneselle a convocatoria de prazas por contratación por parte das universidades, coa cofinanciación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, para lectorados na Bangor University, en Reino Unido; na Université de la Sorbonne Nouvelle París III, en Francia, e na Uniwersytet Warszawski, en Poloña.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Educación, Formación, Lingua