Valentín García felicita o alumnado do instituto Rafael Dieste “por continuar impulsando a lingua”
O secretario xeral da Lingua participa na presentación da terceira edición do festival ‘Aquí tamén se fala’ que se celebra ao abeiro desta campaña de dinamización
Lembra que se trata dunha iniciativa “que foi Premio da Cultura Galega o ano pasado en recoñecemento da implicación da mocidade co galego”
A Coruña, 2 de xuño de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da terceira edición do festival Aquí tamén se fala, enmarcado na campaña de dinamización da lingua posta en marcha pola mocidade do instituto coruñés Rafael Dieste e que, tal e como lembrou, “foi Premio da Cultura Galega o ano pasado en recoñecemento a ese compromiso da xuventude coa nosa lingua que logrou implicar o alumnado máis alá do seu propio centro”.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé en que se trata dunha proposta, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, “de especial importancia polo feito de que xurda nun espazo escolar, xa que os centros educativos desde o punto de vista do lecer e a convivencia son un dos motores principais de impulso e prestixio do galego”. Deste xeito, felicitou o alumnado e profesorado “deste centro multicultural por continuar con este proxecto que segue a fortalecerse ano tras ano cun traballo que favorece o uso e coñecemento da lingua, sendo un exemplo para as xeracións máis novas”.
A festa pola lingua que se celebra ao abeiro desta iniciativa terá lugar o venres 12 de xuño na Praza da Tolerancia, ás 17,00 horas e con entrada gratuíta, con presenza dunha banda internacional Carolina Deslandes, artista portuguesa con máis dun millón de seguidores nas redes sociais, e cos galegos De Ninghures, Kid Mount e Apolo 18.
Cómpre lembrar que baixo o paraugas desta iniciativa, que se estende 300 centros da Comunidade, realízanse outras accións de fomento do idioma como entrevistas ou campañas nas redes sociais que contan coa participación de persoeiros galegos e internacionais e entidades que animan á xuventude a usar a lingua. Así mesmo, trátase dunha proposta que se une a outras que tamén involucran o estudantado como 21 días co galego e +, Falamos + ou Nós tamén creamos.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Lingua