O secretario xeral da Lingua e a directora xeral de Xuventude recibiron os galardoados nesta iniciativa que se convocou o 13 de febreiro, véspera do Día dos Namorados
O certame ‘Lingua de Namorar’ recoñece o talento literario da mocidade galega
O certame baseado en mensaxes vencellados ao amor ten como obxectivo impulsar o uso do idioma entre os mozos, á vez que cultivan a súa creatividade
Destacan que se trata dunha proposta “coa que se trata de conectar coa mocidade, aproximándoos á lingua galega a través do medio dixital”
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, recibiron hoxe aos premiados na décimo quinta edición de Lingua de Namorar, o certame convocado anualmente pola Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Xuventude cos obxectivos de dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías e incrementar a percepción do galego como unha lingua útil para os momentos de lecer e diversión.
Durante o acto de entrega, ambos os dous representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacaron que as obras premiadas en todas as categorías foron elixidas en dúas fases, contando así “tanto coa opinión dun xurado como a participación do público en redes sociais, aproximándose á mocidade a través do eixe dixital”. Cómpre lembrar que a convocatoria, que se estendeu desde o 13 de febreiro ata o 16 de marzo, dividiuse en tres categorías: categoría A, para as persoas de 14 a 19 anos, categoría B, para o tramo de idade de 20 a 35, e unha modalidade exclusiva para Instagram, aberta aos mozos e mozas de entre 14 e 35 anos.
Na categoría A resultou gañadora Ana Jorquera Domínguez, de Santiago de Compostela, pola mensaxe Amor de-lirio; seguida de Lía Bernárdez Santiso, de Mondariz, co escrito Namorar?, e a viguesa Elena García González coa obra G-A-L-E-G-O.
Pola súa parte, na categoría B, as persoas distinguidas foron, en primeiro lugar, Paula Bonifasi Rodríguez, de Vigo, con Lela; seguida de Jessica Ortigueira Iglesias, de Mos, por Amor velado e, finalmente, Lara Romero Carrera, de Vimianzo, faise co terceiro premio con Horizontes na pel da noite.
Por outra banda, na categoría exclusiva para os textos publicados en Instagram, foi recoñecida Iria Méndez Mosquera, de Pontevedra, pola mensaxe #365noites. As propostas de todos os participantes das categorías A e B publicáronse na páxina web do concurso, mentres que as da categoría C poden lerse na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudedegalicia.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Lingua, Xuventude