Valentín García destaca a aposta por levar ao Bierzo e Sanabria “novas propostas lúdicas en galego”
A Xunta de Galicia pon en marcha un ciclo de cinema que se desenvolverá en 11 localidades leonesas no marco do programa de promoción da lingua neste territorio
Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforza a presenza do idioma máis alá da Comunidade
Neste curso 2025-2026 están matriculados en estudos de galego nesta área limítrofe máis de 1.200 persoas en 19 centros educativos
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia programa entre o 12 e o 24 de xuño o ciclo Cinema en galego en 11 localidades do Bierzo e Sanabria para “reforzar a presenza da nosa lingua neste territorio veciño, onde xa cotamos con estudos, con novas propostas lúdicas”, tal e como sinalou durante a presentación desta iniciativa o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, destacou que estas proxeccións póñense en marcha ao abeiro do programa de promoción do galego nestas áreas onde, a través dun protocolo de colaboración co Goberno de Castela e León, se imparte formación nun total de 19 centros educativos. Deste xeito, apuntou, “pensamos en facer algo diferente, na rúa, que chegue a toda a poboación destes puntos, ademais do propio estudantado, na liña da nosa aposta pola proxección da lingua máis alá de Galicia”.
Neste senso, e para celebrar o 25 aniversario deste programa, a cidadanía en xeral poderá gozar de filmes en lingua galega ao aire libre nas localidades de Camponaraya, Villafranca del Bierzo, Lubián, Corullón, Toral de los Vados, Puente de Domingo Flórez, Carucedo, Cacabelos, Toral de Merayo, Cubillos del Sil e Ponferrada.
Cómpre lembrar que neste curso 2025-2026 matriculáronse nos estudos de galego nos territorios castelán leoneses limítrofes con Galicia un total de 1.207 persoas, 30 máis que no curso pasado, afianzando deste xeito o interese pola aprendizaxe da lingua e o compromiso da Xunta co seu impulso fóra da Comunidade.
Trátase duns estudos, de carácter voluntario, que abranguen a ensinanza non universitaria e nos que este ano participan 13 centros de Educación infantil e Primaria da comarca do Bierzo e un da comarca de Sanabria (Lubián), que suman 991 estudantes. Tamén se imparten clases en catro centros de secundaria do Bierzo, con 158 alumnos, e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, con 58 matrículas.
Ás horas lectivas, únenselle outras actividades extraescolares complementarias que permiten potenciar o coñecemento da lingua e da cultura galegas como son as Xornadas Martín Sarmiento nas que se fraguou a idea de organizar o ciclo de cinema na rúa.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua