O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude compartiu co equipo do filme a proxección inaugural que se levou a cabo esta tarde no Teatro Colón da Coruña
López Campos pon en valor a produción galega de curtametraxes na preestrea de ‘Corre’, de Saamira Ganay
Subliñou a alta calidade dos títulos galegos en formato curto, aos que a Xunta lles destina financiamento desde distintas liñas de subvencións ao sector audiovisual
‘Corre’ é un drama distópico que invita á reflexión e está interpretado por Lucía Veiga, Saamira Ganay e Sara Miranda
A Coruña, 10 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe no Teatro Colón da Coruña á preestrea da curtametraxe Corre, con dirección e guión da realizadora galega Saamira Ganay, onde puxo en valor a produción galega de curtametraxes, á que se referiu como de “moi elevada calidade” e de “magnífica mostra” do audiovisual galego nos festivais de todo o mundo.
O titular de Cultura da Xunta, que acudiu acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, compartiu co equipo do filme os momentos previos á proxección para testemuñar o apoio da Xunta ao formato curto, tal como se exemplifica nas partidas específicas destinadas a este xénero nas convocatorias de subvencións do Goberno galego para a promoción do talento audiovisual e para a produción e coprodución das empresas do sector, así como para contribuír á súa presenza en foros e certames internacionais.
Corre, con 12 minutos de duración, preséntase como un drama social distópico concretado nunha proposta creativa que convida á reflexión sobre distintos asuntos de índole social e cultural: a igualdade de xénero, a destrución do noso mundo, o colectivo LGTBIQ+, o racismo, a pobreza, a educación, o acoso escolar, a tendencia á homoxeneización dos individuos ou a importancia de ter acceso a unha información xornalística veraz. Rodada en galego e castelán, aparecen na película localizacións da cidade da Coruña tan icónicas como a torre de Hércules ou a praza de María Pita.
A interpretación corre a cargo de Lucía Veiga, Saamira Ganay e Sara Miranda. As tres actrices danlles vida a Iria, Amira e a súa filla Alex, que viven nunha Coruña próxima e distópica. Tras a que definen como a “revolta dos inadaptados”, as dúas nais loitan por sacar adiante a nena e por sobrevivir nun sistema que nunca imaxinaron posible.
O filme conta con música de Belén Tajes, voz en off de Daniel Otero, produción de Óscar Lombán, dirección de fotografía de Cris Andina e axudantía de dirección de Marta Doviro, quen conduciu hoxe o acto de preestrea e mais o coloquio que seguiu á proxección desde o escenario do Teatro Colón.
O proxecto ten xa asegurada a súa distribución nacional e internacional a cargo de CityBlue Films, empresa que desenvolverá un plan estratéxico durante dous anos para situar Corre nos principais certames especializados do sector.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua