Valentín García celebra que “a música tamén sexa un gran medio para fomentar a lingua”
O secretario xeral da Lingua asiste á terceira edición do festival ‘Aquí tamén se fala’ que se celebra ao abeiro desta campaña de dinamización
Lembra que se trata dunha iniciativa “que foi Premio da Cultura Galega o ano pasado en recoñecemento da implicación da mocidade co galego”
A Coruña, 12 de xuño de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu hoxe á terceira edición do festival Aquí tamén se fala, enmarcado na campaña de dinamización da lingua posta en marcha pola mocidade do instituto coruñés Rafael Dieste onde celebrou que “a música tamén sexa un gran medio para fomentar a presenza do galego, sobre todo entre as xeracións máis novas". Á vez, lembrou que esta iniciativa “foi Premio da Cultura Galega o ano pasado en recoñecemento a ese compromiso da xuventude coa nosa lingua e a implicación do alumnado”.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé en que se trata dunha proposta, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, “de especial importancia porque xurdiu nun espazo escolar, xa que os centros educativos desde o punto de vista do lecer e a convivencia son un dos motores principais de impulso e prestixio do galego tal e como recollemos no Pacto pola Lingua”.
A festa tivo lugar na Praza da Tolerancia coas actuacións da banda internacional Carolina Deslandes, artista portuguesa con máis dun millón de seguidores nas redes sociais, e cos galegos De Ninghures, Kid Mount e Apolo 18.
Cómpre lembrar que baixo o paraugas desta iniciativa, que se estende 300 centros da Comunidade, realízanse outras accións de fomento do idioma como entrevistas ou campañas nas redes sociais que contan coa participación de persoeiros galegos e internacionais e entidades que animan á xuventude a usar a lingua. Así mesmo, trátase dunha proposta que se une a outras que tamén involucran o estudantado como 21 días co galego e +, Falamos + ou Nós tamén creamos.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Lingua