O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude presentou a campaña que se estende desde xuño a setembro por 200 concellos
López Campos destaca a “ampla e variada actividade do verán con máis de 40 tipos de propostas” nunha nova edición de ‘Para gustos, cultura’
Resalta que a iniciativa “aumenta este ano as súas accións, ata as 3.600, con respecto ao 2025, dando conta do bo momento do sector ás portas do Xacobeo ”
Ademais, indica que se trata “dunha oferta plural, diversa e descentralizada en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”
O programa conta con proxectos propios e en colaboración con outras áreas do Goberno autonómico, así como coas administracións locais e con entidades privadas
Así, a axenda abrangue un milleiro de funcións con circuítos de teatro, danza, música, maxia, circo ou produción audiovisual e máis de 1.300 propostas de dinamización entre centros museísticos, bibliotecas e outros espazos
Sobresaen as máis de 600 opcións vencelladas a festivais de distintas tipoloxías, os 300 espectáculos de ‘Cultura no Camiño’ ou as 400 iniciativas das Feiras do Libro
Os grandes concertos, as festas de interese turístico, o calendario do Gaiás ou os ciclos relacionados co fomento da lingua son outros dos puntos a resaltar
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a segunda edición da campaña Para gustos, cultura “coa que ofrecemos unha ampla e variada actividade cultural incluíndo máis de 40 tipoloxías de propostas”, destacou á vez que incidiu en que “este verán aumentamos as accións, ata as 3.600, dando conta do bo momento do sector ás portas do Xacobeo 2027, e o do apoio que lle brindamos a través desta programación”.
Neste senso, o representante da Xunta de Galicia apuntou que “encaramos así o vindeiro Ano Santo dando mostra do noso compromiso cun eido que é estratéxico para a Comunidade, asumindo un papel proactivo na xeración de contidos e poñendo en valor así multitude de expresións artísticas”. Fixo así referencia a unha “oferta diversa, plural, descentralizada e destinada a todos os intereses e todos os públicos que chega a 200 concellos en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”.
Deste xeito, lembrou que o programa, que se desenvolverá de xuño a setembro, “pon o foco na cativada e a mocidade, nas familias e na xente de maior idade, chegando a todo o territorio, con especial sensibilidade no rural, abranguendo desde pequenos formatos a grandes citas”.
Ademais, López Campos tamén fixo fincapé en que se trata dunha “programación transversal e colaborativa” impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tanto con proxectos propios como con outras propostas que son froito do traballo cos distintos departamentos do Goberno galego e en colaboración con outras administracións públicas e entidades privadas. Consolídase así, dixo, “a evolución dunha axenda que o ano pasado lle deu continuidade ás campañas de 2023 e 2024 baixo o nome de CulturOn, e pola que apostamos no 2025 cun salto cualitativo e cuantitativo”.
Na mesma liña, o comisario do Ano Santo Xacobeo 2027, Marcos Gómez, referiuse ao programa coma “unha moi boa antesala do que será o Xacobeo 2027”. Neste senso, puxo en valor unha programación que é reflexo da colaboración interinstitucional entre organismos e entidades privadas, “unha fórmula coa que queremos traballar de cara ao Xacobeo 2027 e que xa estamos desenvolvemento a través de varias ferramentas coma o Plan Director de Patrocinios e a convocatoria O teu Xacobeo”. “Entre todos, teremos o Xacobeo 2027 que Galicia merece”, afirmou.
Durante o acto de presentación, o responsable autonómico de Cultura debullou algunhas das liñas nas que se asenta o programa, que abrangue “un milleiro de actividades que teñen que ver coas artes escénicas, a música ou a produción audiovisual con circuítos moi consolidados como Cultura no Camiño, con máis de 300 funcións na rutas xacobeas”. A isto, engadiu, “súmanselle máis de 600 accións en festivais de moi diversa índole, desde os musicais a outros vencellados ao cinema, á literatura, á narración oral ou precisamente ás artes escénicas”.
“As actividades nos equipamentos que xestionamos directamente, os museos, bibliotecas e arquivos, son outros dos piares fundamentais da nosa oferta con ao redor de 30 exposicións e ata 500 propostas de dinamización que se suman ás que apoiamos noutros espazos, ata as 1.300”, aclarou. Tamén puxo o foco “na oportunidade que nos ofrecen as actividades de verán para a promoción da lingua”, onde destacan o ciclo FalaRedes, que porá en marcha ao redor de 30 propostas entre monólogos e pezas teatrais e os relatorios Toponimízate, que versarán sobre os nomes dos lugares de Galicia, ademais dun ciclo de proxección de curtas en galego.
Música, festivais, circuítos, exposicións e lectura
A oferta musical da Xunta para o verán aglutina diversos estilos, xéneros e formatos, nun calendario que vai desde a música tradicional galega e a aposta polo talento emerxente da Comunidade e artistas máis consolidados, ata artistas internacionais.
Así, o público poderá gozar dos concertos de Milladoiro, Luar na Lubre, Emilio Rúa ou Uxía ou dunha nova edición de Atardecer no Gaiás, con 15 concertos nos exteriores da Cidade da Cultura. A esta programación únense os grandes festivais que se celebran baixo a marca Concertos do Xacobeo, con carteis que nos achegan centos de actuacións galegas, nacionais e internacionais, do mesmo xeito que as 88 festas de interese turístico que se celebran en Galicia este verán atraerán numerosas citas musicais xunto con outras propostas culturais.
A campaña acolle tamén unha ampla tipoloxía de festivais que non teñen que ver coa música. Un exemplo destas propostas é o Festival Atlántica de narrativa, os literarios como o Festivalle ou a Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas, o FIC Bueu de cinema, ou os de artes escénicas como a Mostra de Teatro de Ribadavia ou o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado.
Por outra banda, en canto a circuítos, cómpre resaltar o recoñecido ciclo Danza 3, que ten programadas 14 citas para os próximos meses, e que se unen á programación musical en salas e ás funcións na Rede de Teatros e Auditorios de Galicia. Mentres, no eido escénico cobra especial relevancia o Centro Dramático Galego, a unidade teatral da Xunta, que pon sobre as táboas 37 actuacións coa coprodución Ñiquiñaque como protagonista.
Ademais, poderanse visitar nos centros museísticos, bibliotecas e arquivos da Xunta mostras de moi diversas temáticas como son Voces do Pacífico. Innovación e tradición, na Cidade da Cultura, cunha escolma de máis de 200 obxectos da colección do British Museum; Illa Ignorada, no Centro Galego de Arte Contemporánea; Habana Mater. 2003-2023. Luis Gabú, no Museo de Belas Artes da Coruña; Ramón Otero Pedrayo. 50º cadobano (1976 – 2026), no Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
A isto engádenselle nestes equipamentos numerosas propostas de lecer, campamentos e accións de animación á lectura, entre as que destaca o programa Ler conta moito, co obxectivo de fomentar o hábito lector entre a cidadanía. Ademais, A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles, achega estas actividades a 30 municipios das provincias de Lugo e Ourense a través das súas tres rutas.
A programación complétase con máis de 400 propostas nas oito Feiras do Libro que se celebran durante o verán e coas residencias artísticas como a literaria de San Simón ou as da Cidade da Cultura.
Cómpre destacar que nos vindeiros días vaise pór en marcha en medios de comunicación e redes sociais a campaña para informar detalladamente da oferta e chegar á maior cantidade de poboación posible, incorporando recomendacións diarias e resumos semanais. Ademais, a programación pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude, Axencia de Turismo de Galicia
Tema: Cultura, Xacobeo, Lingua