O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, o secretario xeral da Lingua e o director xeral de centros e Recursos Humanos participaron na entrega dos premios
Escolares de Verín, Cerceda, A Coruña e Vilanova de Arousa, galardoados nunha nova edición do concurso ‘Nós tamén creamos’
O certame de curtas de animación en galego contou este ano con 18 centros participantes
Todos os proxectos estarán dispoñibles na canle Xabarín da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
López Campos agradece o esforzo do alumnado que erixe coma “os grandes artífices desta gran festa arredor da lingua, do audiovisual e da cultura galegas” e gaba o seu enorme talento e creatividade
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou hoxe aos escolares galardoados nos premios Nós Tamén Creamos 2025-2026 aos que se referiu coma “os grandes artífices desta gran festa ao redor da lingua, do audiovisual e a literatura galegas”. Fíxoo na entrega de premios ás mellores curtametraxes do certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para promover o uso da lingua galega a través de curtas de animación.
Neste marco, o responsable de Lingua do Goberno galego, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, agradeceu o esforzo de todo o alumnado dos 18 centros participantes e gabou o seu enorme talento e creatividade. “Os proxectos presentados amosan unha gran calidade e unha enorme capacidade dos máis novos de crear e divertirse en lingua galega”, apuntou o conselleiro antes de poñer en valor o labor do profesorado e dos equipos de dinamización lingüística “vitais na transmisión do entusiasmo pola defensa e promoción da lingua”.
En total foron galardoados oito centros educativos. En concreto, no 2º ciclo de Educación Infantil resultaron gañadores o Colexio Princesa de España, de Verín (Ourense), e o accésit foi para o Colexio Ponte Carreira de Frades, de A Coruña. Pola súa banda, no nivel de 1º e 2º de Educación Primaria, foi galardoado o Colexio Celso Emilio Ferreiro, de Cerceda (A Coruña), e o Colexio de Guillarei de Tui (Pontevedra) recolleu o accésit, mentres que na categoría de 3º e 4º de Primaria levou o premio o Colexio de Zalaeta, da Coruña, e o accésit foi para o Colexio O Vicedo, do Vicedo (Lugo). Finalmente, na categoría de 5º e 6º de Primaria resultou gañador o Colexio de Viñagrande-Deiro, de Vilanova de Arousa (Pontevedra), e o accésit foi para o Colexio do Feal de Narón (A Coruña).
Todas as curtas premiadas e as do resto dos centros escolares participantes poderanse visualizar no Portal da Lingua Galega, na súa canle de Youtube e, ademais, na sección infantil e na aplicación Xabarín da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua