O director de Industrias Culturais participou na presentación da nova edición da cita, que terá lugar o vindeiro outono na capital de Galicia
A Xunta contribúe á divulgación da música antiga con intérpretes galegos a través da oitava edición do Festival Ateneo Barroco
O festival compostelán, que conta cunha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ofrecerá seis concertos e distintas actividades paralelas entre o 6 e o 20 de outubro
A programación reúne instrumentistas e formacións como Lina Tur Bonet, Ars Atlántica, Resonet, Arc & Volta, Bertrand Cuiller e Accademia del Piacere
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
O Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebrará do 6 ao 20 de outubro a súa oitava edición cun programa articulado arredor da música antiga, os instrumentos históricos, a divulgación e o encontro co público. O certame compostelán, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria para a contratación de música interpretada por artistas galegos en festivais profesionais, ofrecerá seis concertos en diferentes espazos da capital de Galicia, ademais de cinema documental, unha conferencia, unha acción de improvisación, un club de lectura e varios encontros cos artistas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na sede do Ateneo de Santiago na presentación da nova carteleira dunha cita que medra cada ano en actividades e público. Xunto co presidente da entidade, Francisco Candela; o director artístico do festival, José Víctor Carou; e representantes doutras entidades colaboradoras, o encontro serviu para dar a coñecer o percorrido dun programa que pon o foco nos instrumentos, mestres, intérpretes, novos e vellos estilos, improvisacións, voces, idiomas, homenaxes, viaxes e xéneros que concorren no período musical barroco.
Apoio ao tecido musical galego
Jacobo Sutil destacou que Ateneo Barroco “representa moi ben a diversidade e a excelencia dun ecosistema musical galego capaz de dialogar con repertorios, épocas e públicos moi diferentes”. Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou que o apoio do Goberno galego a este tipo de eventos “busca ampliar a presenza da música galega nos festivais profesionais, reforzar a contratación artística e acompañar proxectos con traxectoria, capacidade de xestión e impacto cultural no territorio”.
O festival compostelán é unha das oito citas beneficiarias da convocatoria de subvencións de 2026 para o fomento da contratación de música galega nos festivais profesionais da comunidade, dotada con 80.000 euros para 47 actuacións de bandas e artistas.
Recitais e accións complementarias
A programación principal de Ateneo Barroco desenvolverase en espazos como a Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, o Salón Teatro e o Paraninfo da Universidade. O calendario de recitais abrirase con Lina Tur Bonet e Bach, partita, sonata, e continuará con Ars Atlántica, Resonet, Arc & Volta e Bertrand Cuiller, antes do peche con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai en In dulci jubilo.
A oitava edición do evento completarase cunha conferencia de Stefano Russomano, dúas sesións con proxeccións de filmes documentais en Cinema Numax, unha proposta de improvisación de Pablo Seoane, o club de lectura do festival e a liña Instrumentos, xéneros e contextos, pensada para achegar o público aos artistas, á música e aos instrumentos históricos.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua