A Xunta dinamiza o galego no repertorio das corais con obradoiros de canto impartidos polo grupo De vacas
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, pon en valor esta actividade non só en materia de lingua, senón pola conexión interxeracional entre as formacións musicais
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe o obradoiro De vacas: humor, rentraca e nova oralidade, impartido por este grupo musical coa que a Xunta procura “dinamizar o galego no repertorio das corais galegas e a transmisión interxeracional do idioma desde o ámbito musical”.
Con este dobre obxectivo, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor esta iniciativa que, segundo adiantou, contará con catro obradoiros que se desenvolverán de xuño a outubro, “impartidos por unha das formacións que está contribuíndo a un maior emprego da nosa lingua, sobre todo entre as xeracións máis novas, con versións en galego retranqueiras de grandes éxitos comerciais”.
Neste senso, Valentín García tamén destacou o feito de que esta actividade vai supor poñer en contacto a agrupacións musicais de diferente xeracións e repertorios “co que non só estamos ante un proxecto puramente formativo, senón ante un enriquecedor intercambio de perspectivas, de xeitos de traballar e de facer fronte á proxectos que vai ser moi positivo para ambas as dúas partes”, asegurou.
Catro obradoiros de xuño a outubro
O secretario xeral da Lingua explicou que, tal e como indica o nome do obradoiro, o “humor, retranca e nova oralidade serán a cerna destes talleres” impartidos polo coñecido grupo De Vacas, do que lembrou que está a celebrar neste 2026 o seu décimo aniversario. En concreto, impartirá esta formación entre as agrupacións corais Canta Noia, que se desenvolverá nesta mesma localidade coruñesa; a Organización Musical Carlos Barruso, que terá lugar no municipio lucense de Outeiro de Rei; a Os d'aquí, que se impartirá no concello de Meira (Lugo), e ao Son Outeiro e Coral de Vilaxoán, que terá lugar en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
A actividade céntrase no traballo do repertorio característico da formación De Vacas con letras con retranca, perspectiva de xénero, harmonización de cancións modernas e uso do galego, que se reforzará como ferramentas expresivas contemporáneas. Deste xeito, durante o obradoiro, as persoas participantes experimentarán coa oralidade, xogando coa palabra, o ritmo e a intención comunicativa para transformar temas coñecidos en pezas corais.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Lingua