A música urbana en galego de 9Louro conquistará este xoves o ‘Atardecer no Gaiás’
O rapeiro de Muros presentará en concerto gratuíto na Cidade da Cultura o seu segundo traballo ‘Amorrer’
Na próxima semana, as actuacións ao aire libre do Gaiás terán ao novo tradi galego como protagonista, con Maricarme e Unto Vello
O ciclo forma parte da segunda campaña ‘Para gustos, cultura’ que levará máis de 3.600 actividades a 200 municipios galegos este verán
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026.
O escenario de Atardecer no Gaiás terá esta semana como protagonista absoluto a 9Louro. O rapeiro de Muros actuará o xoves día 9 de xullo no ciclo de concertos gratuítos ao aire libre organizados pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. A actuación forma parte da xira de presentación do seu novo disco, Amorrer, lanzado a comezos deste ano, e da campaña estival ‘Para gustos, cultura’ do Goberno galego, que este ano achega máis de 3.600 actividades a 200 municipios da nosa Comunidade.
Con tan só dous anos no mundo da música urbana, 9Louro conquistou xa unha lexión de fans que o seguen por toda Galicia. En Amorrer, deu forma a un álbum que percorre todas as fases e posibilidades do romance con ritmos bailables, cancións de trap e xogos coa electrónica. Suma, ademais, colaboracións doutros artistas galegos do momento como West Srk, Dirty Suc, Chris Indian, Lil Chachi ou Ortiga.
A actuación dará comezo ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura. Poderá subirse ao Gaiás coa liña 9 do autobús urbano e haberá un reforzo da liña C11 para baixar ao remate do concerto, con saída ás 22,45 horas.
Novas voces do tradi galego
Na próxima semana, Atardecer no Gaiás trae dúas novas voces da música tradicional galega: Maricarme, o xoves día 17, e Unto Vello o venres 18 de xullo. Maricarme é o proxecto de tres destacadas figuras do folclore galego (Cibrán Seixo, María Jorge e Migui Carballido) que transita entre a tradición oral e o son contemporáneo, mesturando instrumentos acústicos con electrónica.
Por outra banda, Unto Vello nace do traballo de recollida de música tradicional de Bieito Pereira e Xabi Gómez. Unha proposta que rende homenaxe ás cantareiras e reinterpreta o patrimonio inmaterial do país con acordeón, voz e percusión.
Esta edición de Atardecer no Gaiás conta de novo co apoio de Cervezas Alhambra para programar unha ducia de concertos gratuítos ao aire libre os xoves e venres ata o 14 de agosto.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua