O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na presentación desta cita
López Campos erixe o Festival Castelo conta como “exemplo da dinamización do rural“ a través dunha programación baseada na lingua e a tradición
O representante da Xunta de Galicia agradece a implicación de profesionais como o actor Xosé Antonio Touriñán nesta iniciativa que ofrece unha programación diversa
O certame, que se celebrará en Culleredo entre o 24 e 30 de agosto, forma parte da campaña ‘Para gustos, cultura’ con 3.600 actividades en máis de 200 concellos
Culleredo (A Coruña), 16 de xullo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación da XI edición do Festival Castelo Conta, que se celebrará do 24 ao 30 de agosto neste lugar de Culleredo que dá nome ao certame, e ao que erixiu como “exemplo da dinamización do rural, a través dunha programación cultural baseada na nosa lingua e tradicións”.
No acto, celebrado no campo da Capela de San Ramón, en Culleredo, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceu a implicación de profesionais como o actor Xosé Antonio Touriñán, “por impulsar unha iniciativa que valora a nosa tradición oral e traballa pola súa conservación ofrecendo unha programación singular, diversa e na que se aposta pola universalización do acceso á cultura sen condicionantes territoriais, na liña das actuacións da nosa pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible”, valorou.
A XI edición do Festival Castelo Conta, que se celebrará en Culleredo desde o día 24 ata o 30 de agosto, acollerá actuacións musicais, de artes escénicas, de recuperación da tradición oral, actividades infantís, proxeccións audiovisuais, romarías e citas gastronómicas. Máis de medio cento de actividades para todos os públicos ao pé do Monte Xalo.
O titular de Cultura da Xunta tamén destacou que citas coma esta están enmarcadas dentro do programa Para gustos, cultura, que promove o Goberno galego, con 3.600 actividades en máis de 200 concellos de toda a Comunidade. Entre os plans culturais que se ofertan atópanse propostas infantís, festivais, música, novo circo, teatro, exposicións ou danza, un amplo abano de iniciativas para todos os gustos e idades que se desenvolverán durante esta tempada estival.
Este festival está comprometido con iniciativas solidarias e de protección do medio ambiente, como a limitación de plásticos dun só uso, ou a promoción de xornadas relacionadas coa plantación de especies no Monte Xalo, en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais de Castelo ou coa ONG Ecos do Sur, que traballa no campo da integración social.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Agricultura e gandería, Cultura, Lingua