A Xunta apoia con 350.000€ o desenvolvemento de accións de promoción da lingua en 79 concellos

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da concesión destas axudas convocadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

A achega responde ao compromiso do Goberno autonómico co impulso de iniciativas a prol do galego por parte das entidades locais en liña co Plan de normalización

Trátase de pór en marcha ou reforzar servizos lingüísticos a través dos que se poidan realizar actividades de dinamización ou cursos formativos

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2026

A Xunta colaborará con 79 concellos no desenvolvemento de accións vencelladas á promoción da lingua a través da liña de subvencións, dotada con 350.000€, destinada a fomentar servizos lingüísticos nas entidades locais e nas agrupacións de municipios.

Así, o Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución destas axudas convocadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude respondendo ao seu compromiso co apoio á normalización lingüística a nivel local, en liña coas medidas incluídas no Pacto pola Lingua e na actualización do Plan de normalización da lingua galega. Deste xeito, o Goberno autonómico apoia a posta en marcha e mellora dos servizos neste eido nos distintos concellos, tendo en conta que a administración local constitúe unha vía de dinamización da lingua prioritaria pola súa proximidade e o contacto mais directo coa cidadanía.

As partidas irán destinadas á creación e posta e marcha dun servizo lingüístico, habilitando deste xeito un departamento técnico inserido na entidade local co fin de planificar, xestionar, executar e avaliar medidas, accións e actividades dinamizadoras co obxectivo de incrementar o uso da lingua galega en todos os seus ámbitos de actuación, tanto a nivel interno como externo. A achega tamén será aplicable cando se trate de manter un servizo xa existente, centrándose neste caso en reforzar as súas iniciativas e á incorporación de máis persoal técnico para atender mellor ás necesidades.

Deste xeito, ao abeiro destes servizos, desenvolveranse proxectos que impliquen a realización de accións e campañas de dinamización lingüística, ben en formato material, como pode ser libros, audiolibros, xogos ou representacións artísticas, ou ben no eido dixital como as propostas baseadas en soportes electrónicos, na web ou nas redes sociais. A isto engádeselle o reforzo da formación lingüística, impulsando cursos formativos de lingua galega coa implicación do propio persoal técnico dos concellos.

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Lingua