A Xunta colabora con 300.000€ cunha trintena de proxectos didácticos en galego

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas para fomentar a elaboración e publicación de recursos curriculares non universitarios na nosa lingua

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia colabora cun total de 27 proxectos didácticos en galego para niveis non universitarios a través dunha achega de 300.000 euros. Así se recolle no Diario Oficial de Galicia que acaba de publicar a resolución destas axudas, que na convocatoria deste ano rexistraron un incremento do 50 % respecto á partida de 2025, e que teñen como obxectivo fomentar a elaboración e publicación de recursos curriculares non universitarios na nosa lingua tanto en formato impreso ou dixital.

Con este obxectivo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora con este investimento, que está dirixido ás empresas do sector editorial, coas que colabora, deste xeito, na elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado, ao tempo que favorece o tecido da industria editorial galega.

En concreto, contarán co apoio da Xunta 12 proxectos da Editorial Luís Vives, oito iniciativas do Grupo Anaya, e a sete propostas presentadas pola Editorial Obradoiro. Cómpre lembrar que para este tipo de achega quedan excluídos os libros de creación literaria, dicionarios, enciclopedias, libros de bibliófila, volumes de difusión gratuíta, publicacións de clubs de lectura ou similares, obras que non sexan primeira edición ou proxectos con contidos idénticos aos xa subvencionados nalgunhas das tres últimas convocatorias.

En canto aos proxectos seleccionados, establécese que os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, mentres que en dixital ou audiovisual será de 500. No entanto, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de se editar nalgún soporte tanxible (memoria USB, CD, DVD ou outros), a tiraxe mínima será de 50 exemplares.

Os proxectos presentados foron valorados por unha comisión en función da súa orixinalidade e da súa calidade, que se mediu en función da adaptación  dos materiais ao currículo oficial, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecemento do alumnado ao que se destina, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade cultural e social de Galicia e, tamén, da calidade lingüística.

Ademais, os materiais destinados á formación profesional específica ou ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo obtiveron un incremento final da puntuación global dun 20%.

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Educación, Lingua