Valentín García destaca “a contribución ao prestixio da lingua” do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
O secretario xeral da Lingua presenta a publicación gañadora do 2025 e anuncia a nova convocatoria do certame
A iniciativa, organizada pola Xunta de Galicia xunto coa Editorial Galaxia, impulsa o uso do galego en textos vencellados ao pensamento
As bases da edición 2026 poden consultarse no Portal da Lingua e o prazo de presentación dos escritos está aberto ata o un de novembro
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, enxalzou hoxe o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio “como un dos máis relevantes neste xénero cunha grande trascendencia para a nosa lingua”. Fíxoo na presentación, xunto coa Editorial Galaxia, da publicación gañadora na última edición do 2025, A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, do médico Roberto Fernández Álvarez, á vez que anunciou a nova convocatoria do certame.
Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que esta obra, que sae á luz grazas ao premio, “vai ter unha contribución moi útil a nivel científico e divulgativo”, resaltando, ademais, que son moitos “os médicos que forman parte do noso acervo cultural como é este o caso”. Así, o libro, puntualizou, “ten a capacidade para achegarnos un tema de relevancia como é o da esperanza media de vida e a lonxevidade social empregando o galego como lingua vehicular tamén para este tipo de escritos vencellados ao pensamento, contribuíndo así ao seu prestixio”.
O galardón, cuxas bases da nova convocatoria xa están publicadas xa no Portal da Lingua e que organiza o Goberno galego e a Editorial Galaxia coa colaboración da Caixa Rural Galega, vai este ano pola súa vixésimo sexta edición coa intención, apuntou Valentín García “de seguir afondando na tradición do pensamento literario baixo a inspiración da traxectoria intelectual de Ramón Piñeiro”.
Neste senso, o obxectivo da iniciativa é o de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión ao redor dos temas varios do noso tempo. Poderá presentarse, ata o 1 de novembro, calquera persoa sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en galego con temática libre.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua