A Xunta logra que o Goberno central se comprometa a manter o ensino de galego no Instituto Cañada Blanch de Londres
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, solicitoulle ao Ministerio unha rectificación na súa posición, toda vez que o departamento da ministra Tolón non quixo asinar o convenio de colaboración existente ata o momento desde hai 30 anos
O Goberno central vén de comunicar que se sacará a concurso, para o curso 2027/28, a praza dun docente “para a súa cobertura estable e definitiva”
En aras de buscar unha solución inmediata e transitoria para o vindeiro curso, no 2026/27 o Goberno galego asumirá a dotación do profesor, tal e como ofrecera desde o inicio da problemática
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026.
A Xunta de Galicia vén de conseguir o compromiso do Ministerio de Educación de manter o ensino do galego no Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres. O subsecretario de Educación, Formación Profesional e Deportes, Santiago Roura, remitiu unha carta ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, na que indica que, de cara ao curso 2027/28, se sacará a concurso a praza dun docente “para a súa cobertura estable e definitiva”.
A Consellería de Educación puxo como condición para asumir unha solución inmediata e transitoria para o vindeiro curso 2026/27 que o Goberno central garantise o futuro desta ensinanza no citado instituto. Deste xeito, actualmente estase tramitando un novo convenio de colaboración, a través do cal o Goberno galego asumirá o pago das retribucións do docente para este próximo curso.
O compromiso do Ministerio de dar continuidade no futuro ás ensinanzas de galego no Cañada Blanch prodúcese despois de que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, intercambiase varias cartas coa ministra do ramo, Milagros Tolón, e co subsecretario, Santiago Roura, para que rectificasen na súa postura e mantivesen estes estudos.
Cómpre lembrar que o Ministerio non quixo asinar o tradicional convenio de colaboración existente entre ambas partes desde hai máis de 30 anos, o que ocasionou a necesidade de buscar unha solución transitoria para o vindeiro curso por parte da Xunta e, ao mesmo tempo, asegurar o compromiso a longo prazo do Goberno central.
O ensino do galego no Cañada Blanch forma parte da difusión no exterior da nosa cultura e do noso idioma propio e leva máis de tres décadas funcionando neste centro a través dun convenio co Ministerio. A materia de Lingua e Literatura Galegas ofértase no instituto como materia optativa desde 1992, cando unha amplísima porcentaxe do alumnado do centro tiña orixe galega.
Departamento: C. de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Educación, Lingua