A Xunta apoia un ano máis a Semana de Cine de Lugo, que se celebra do 21 ao 26 de setembro organizada polo grupo ‘Fonmiñá’
Lugo, 10 de setembro de 2026
A cidade de Lugo acollerá do 21 ao 26 de setembro a XLVIII Semana de Cine, impulsada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. A Xunta colabora un ano máis con este encontro, no que se proxectarán 135 títulos, dos que 50 son producións galegas.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participaron na presentación do programa xunto co coordinador da iniciativa, Manuel Curiel; o presidente de Fonmiñá, Xulio Xiz; e membros doutras entidades involucradas.
Os responsables autonómicos felicitaron á organización pola traxectoria desta cita e destacaron o peso do cinema galego no cartel, o que sitúa á Semana de Cine de Lugo “como un perfecto escaparate para divulgar entre o público a calidade e diversidade do noso sector audiovisual”.
As proxeccións terán como escenario o salón de actos da Delegación Territorial da Xunta, a Biblioteca Pública xestionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o auditorio Gustavo Freire, O Vello Cárcere, a Casa do Saber e a Deputación Provincial.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua