A Xunta concede sete bolsas de lectorados de lingua en universidades do Brasil, Croacia, España e Portugal
Estas persoas impartirán actividades relacionadas coa docencia, coa difusión e coa promoción do idioma, a cultura e a literatura galega, entre outras
A finalidade da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é que os titulados completen a súa formación á vez que se consolida o ensino do galego no exterior
Esta medida inxírese no compromiso do Goberno autonómico coa proxección exterior do galego e a inserción no mundo laboral
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución de sete bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en universidades do Brasil, Croacia, España e Portugal que se destinan máis de 300.000 euros, no marco do compromiso do Goberno autonómico coa proxección exterior da lingua e coa inserción no mundo laboral.
Deste xeito, as persoas seleccionadas neste programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude van optar a unha experiencia de tres anos de duración cun marcado carácter práctico, con actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, e que abrangue non só o ámbito universitario, senón tamén a súa área de influencia.
Así, estes lectorados van desenvolver a súa actividade nos Centros de Estudos Galegos localizados na Universidade do Estado do Río de Janeiro, no Brasil; na Sveučilište u Zadru, en Croacia; na Univsersitat Autònoma de Barcelona, na Universitat de Barcelona e na Universidad de Estremadura, en España, e nas Universidade do Algarve e na Universidade Nova de Lisboa, en Portugal.
O importe íntegro mensual destas bolsas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é de 1.225 €, para aqueles lectorados que estean localizados en universidades españolas. No entanto, o importe ascende a 1.378 € para aquelas persoas que vaian realizar esta formación en institución académicas do estranxeiro. Ademais, este programa ofrécelles a posibilidade de incorporarse a estes Centros de Estudos Galegos co fin de completar a súa formación e de se situar nunha mellor posición de cara a dar o paso ao mundo profesional.
Precisamente, estes lectorados van en consonancia co obxectivo de consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras institucións académicas de interese estratéxico, tal e como se recolle na proposta para alcanzar o Plan xeral de normalización da lingua galega elaborado a través do traballo de máis de 130 profesionais e achegas recibidas por parte da sociedade.
En canto ás bolsas, puideron concorrer a estas, as persoas con titulacións de filoloxía galega e filoloxía románica, os graos en Lingua e Literatura Galegas, Estudos de Galego e Español, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Filoloxía Aplicada Galega e Española e estudos Lingüísticos e Literarios en Galego e Portugués. Tamén se puideron presentar aquelas en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades ou da área de Ciencias Sociais e Xurídicas ou os lectores que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar por causas alleas á súa vontade.
Neste contexto, cómpre destacar que actualmente o galego é obxecto de estudo nunhas 40 universidades, oito delas en España, con medio milleiro de alumnos distribuídos entre Barcelona, Madrid, Vitoria, Salamanca, Alacant, Estremadura e Granada. Outros 1.000 estudantes están vencellados aos lectorados de 21 institucións académicas localizadas en Europa (Alemaña, Austria, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal e O Reino Unido), aos 8 que se desenvolven en América (A Arxentina, O Brasil, Cuba, O Estados Unidos de América) e aos recentemente creados nunha universidade da India e noutra de Mozambique.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua