O secretario xeral de Lingua asistiu a un recitado multilingüe de poemas no Museo das Peregrinacións e de Santiago para conmemorar do Día Europeo das Linguas

Valentín García destaca a contribución do galego na riqueza e diversidade cultural europea

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta a proxección da Xunta do noso idioma con bolsas de lectorados en 21 institucións académicas europeas

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2026

O secretario xeral de Lingua, Valentín García, destacou hoxe a contribución do galego “á riqueza e á diversidade do patrimonio cultural de Europa”. Fíxoo no acto institucional do Goberno galego polo Día Europeo das Linguas, que se celebra o 26 de setembro, e cuxos festexos se adiantaron a este venres para organizar un recitado multilingüe de poemas a cargo de alumnado de Secundaria e de Bacharelato, nos soportais do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considerou especialmente significativa a celebración este ano, no marco do recente acordo para a renovación do Plan xeral de Normalización da Lingua Galega “con case 700 medidas nacidas dun amplo consenso co fin de fomentar e prestixiar o uso do idioma en toda a sociedade”.

Precisamente, Valentín García considerou importante a efeméride do Día da Linguas Europeas, xa que lembra “a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa”. De igual xeito, puxo o foco en que tamén se empraza a “incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas”.

Neste senso, salientou as iniciativas da Xunta nesta liña en concreto da proxección exterior da lingua, entre as que citou as bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas por todo o mundo. Así, precisou que, actualmente, o galego é obxecto de estudo nunhas 40 universidades, oito delas en España, con medio milleiro de alumnos distribuídos entre Barcelona, Madrid, Vitoria, Salamanca, Alacante, Estremadura e Granada.

Ademais, o secretario xeral da Lingua destacou o feito de que outros 1.000 estudantes están vencellados aos lectorados de 21 institucións académicas localizadas en Europa (Alemaña, Austria, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal e O Reino Unido), aos que engadiu os oito que se desenvolven en América (A Arxentina, O Brasil, Cuba, O Estados Unidos de América) e aos recentemente creados nunha universidade da India e noutra de Mozambique.

Lectura dramatizada e agasallo de libros en galego

En canto ao acto de hoxe, a lectura dramatizada a cargo de alumnado do IES Xelmírez II de Santiago de Compostela abriuse a ser secundada polo público asistente que o desexara para compartir as lecturas. Ademais, levouse a cabo  unha exposición de libros editados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que as persoas participantes puideron levar consigo ao finalizar o acto.

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Cultura, Lingua