O secretario xeral da Lingua participou en Bruxelas no encontro ‘Celebra a diversidade lingüística en Europa con Google’ organizado pola empresa tecnolóxica
Valentín García destaca o “papel fundamental do eido dixital no uso e prestixio da lingua”
Sinala que a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega “presta especial atención ás tecnoloxías como novas formas de comunicación entre as xeracións máis novas”
Ademais, fai referencia ao ‘Proxecto Nós’ como unha das máis importantes iniciativas da Xunta “para que o galego sexa unha lingua habitual nas plataformas”
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no Parlamento Europeo, en Bruxelas, no encontro Celebra a diversidade lingüística en Europa con Google, organizado pola empresa tecnolóxica con motivo do Día Europeo das Linguas. Unha cita a raíz da que destacou “o papel fundamental que teñen as tecnoloxías e o eido dixital no uso e prestixio de todos os idiomas, tamén do galego”.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apuntou ao novo Plan xeral de normalización da lingua galega, que será aprobado a vindeira semana no Parlamento tras o pacto acadado pola maioría das formacións políticas e que, tal e como lembrou, “fai especial fincapé en impulsar a presenza da lingua nas plataformas e ferramentas dixitais, sobre todo naquelas máis utilizadas hoxe en día polas xeracións máis novas para comunicarse e buscar información”.
Así, Valentín García destacou que entre as medidas “para prestixiar a lingua e o seu uso social prestamos especial atención ás novas formas de interacción entre a mocidade, que están a substituír a tradicional transmisión xeracional no núcleo familiar”. Nesta liña fixo referencia a unha das grandes iniciativas que se están a desenvolver en Galicia neste eido e que se puxo de exemplo de boas prácticas nesta xornada europea, como é o Proxecto Nós, impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, para incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais cun claro obxectivo, indicou, “ de seguir ampliando os principais eixos de traballo en tradución automática, modelos de linguaxe e tecnoloxías da fala”.
Segundo explicou o secretario xeral da Lingua, ao abeiro deste proxecto ofréncense recursos de libre acceso por terceiros, “o que permite e facilita o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que contribúen a que o galego sexa unha lingua habitual neste eido”.
A xornada celebrouse con motivo do Día Europeo das Linguas, que se conmemorou o pasado día 26, e que pon o foco na diversidade lingüística como un dos valores culturais, sociais e institucionais clave de Europa. Na efeméride destácase a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Lingua