Valentín García destaca o concurso de Poesía Rosalía de Castro como unha “iniciativa que motiva aos escolares ao redor do galego”

O secretario xeral da Lingua participa na presentación da VIII edición do certame co que colabora a Xunta e que “fomenta a creación poética”

A convocatoria para participar está aberta ata o 15 de xaneiro e divídese en tres categorías entre Primaria e Secundaria

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe a VIII edición do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro,  coa que a Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e o Corte Inglés, “pretende fomentar a creación poética en lingua galega á vez que achega ás xeracións máis novas unha figura clave das nosas letras como é Rosalía”, apuntou durante o acto.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé en que se trata dun “certame xa consolidado ao que nos sumamos para reforzar a implicación da comunidade educativa nunha iniciativa que impulsa o talento literario e a escrita na nosa lingua”. Deste xeito, resaltou a importancia de “xerar propostas de interese ao redor do galego que motiven á mocidade no contexto dos centros de ensino”.

O concurso está aberto ao alumnado do curso 2026-2027 e divídese en tres categorías: o terceiro ciclo de Primaria (5º e 6º curso), o primeiro ciclo de Secundaria (1º e 2º curso) e o segundo ciclo de Secundaria (3º e 4ºcurso ). Os traballos, que deberán ser orixinais e escritos en lingua galega, poden remitirse ata o 15 de xaneiro de 2027 aos departamentos de Comunicación de calquera dos centros de El Corte Inglés en Galicia, e tamén poderán entregarse persoalmente nas súas librarías.

As bases da convocatoria, que establece un primeiro premio e dous accésits por cada categoría a través de tarxetas agasallos, están dispoñibles nas páxinas web da Fundación Rosalía de Castro e de El Corte Inglés, para a súa consulta.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Cultura, Lingua