A Xunta destina 300.000€ a once bolsas de investigación para ampliar coñecementos sobre lingua e literatura galega no Centro Ramón Piñeiro
O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das persoas seleccionadas, que afondarán na fraseoloxía galega, en recursos para o desenvolvemento de tecnoloxías da fala ou nos dicionarios de literatura infantil e xuvenil, entre outros eidos
A formación abrangue desde o 1 de decembro deste mesmo ano ata, como máximo, o 30 novembro de 2028
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026
A Xunta destina preto de 300.000 euros a once bolsas de investigación que van permitir ampliar coñecementos sobre lingua e literatura galega no Centro Ramón Piñeiro. Con este obxecto, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coas persoas seleccionadas que van afondar en materias lingüísticas, literarias, históricas e antropolóxicas sobre o noso idioma propio, na liña do compromiso do Goberno galego de promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.
Nesta ocasión, estas bolsas permitirán que as e os investigadores afonden nos seguintes proxectos de investigación: Dicionario histórico-etimolóxico da Lingua galega, Bibliografía da lingua galega, Fraseoloxía galega, Corpus de referencia do galego actual (CORGA), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Base de datos do ALIR (Atlas Lingüístico Románico), Dicionarios de literatura e Literatura infantil e xuvenil.
Os once candidatos seleccionados foron avaliados por unha comisión específica que tivo en conta os méritos acreditados documentalmente por cada un dos solicitantes, considerando especialmente a nota media do expediente académico, a súa formación complementaria, a presentación de comunicacións e congresos relacionados coa bolsa ou as publicacións relacionadas coa especialidade da investigación. A data estimada de comezo destas investigacións será o 1 de decembro deste mesmo ano e rematarán o 30 de novembro de 2028 como máximo.
Con esta convocatoria, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca fomentar a capacitación dos titulados universitarios, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega. Neste contexto, o Centro Ramón Piñeiro, como entidade investigadora de referencia en estudos de investigación filolóxicos, literarios e antropolóxicos, está a potenciar o prestixio crecente da lingua galega, fomentando liñas de actuación que favorecen os traballos de investigación nestes eidos, así como a súa difusión no exterior.
Investigación en Humanidades
O Centro Ramón Piñeiro é un organismo dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cuxo cometido é promover a formación e capacitación das persoas universitarias a través de convocatorias públicas para a investigación e o estudo de programas no ámbito de humanidades.
Actualmente, as súas liñas de traballo xiran ao redor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva, ademais de centrarse na dixitalización do coñecemento, co propósito de ofrecer recursos dixitais e ferramentas que permitan poder compartilos e difundilos e sexan de acceso libre.
Desde a súa fundación, hai 28 anos, pasaron máis de medio milleiro de investigadores ou bolseiros que formaron parte dos diferentes proxectos de investigación impulsados.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Lingua