A Xunta publica o libro Lugopoética 2026, coa obra de 12 autores reunidos polo colectivo Egeria e a Uned de Lugo

O delegado territorial, Alfonso Villares, subliñou que a proposta pon en valor o talento dos creadores locais

Lugo, 19 de outubro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación do libro Lugopoética 2026, que publica a Secretaría Xeral da Lingua coa obra e reflexións dos 12 poetas reunidos este ano no certame homónimo.

A iniciativa está organizada polo colectivo Egeria, Brandán Comunicación e a Uned de Lugo, e conta co apoio do Goberno galego e do Concello de Lugo. Villares afirmou que “perseguimos o obxectivo común de poñer en valor o talento dos nosos creadores, e un dos camiños é fomentar a produción literaria galega, como como vimos facendo da man de Lugopoética”.

A proposta cumpriu a súa terceira edición en seis sesións celebradas entre os meses de febreiro a xuño, cada unha protagonizada por unha parella de autores e coordinadas polo escritor Xosé Carlos Ulloa.

Os creadores implicados foron Diana Varela Puñal, Chelo Gayoso Díaz, Alicia Fernández Díaz, Elena Pérez López, Xosé Lois García, Ramón Rodríguez Porto, Xacobe Sánchez Quintela, Xosé Antón Cascudo, Eduardo Carreira López, Ánxela Gracián, Ana Mar Fraga Rábade e Mari Luz Balsa Rábade. 

O acto de presentación do libro tivo lugar no Concello de Lugo e contou tamén coa intervención da alcaldesa, Elena Candia; o presidente de Egeria, Xulio Xiz; a directora do centro asociado da Uned en Lugo, Ana Traseira, e varios dos autores que participan no libro, entre outros.

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Cultura, Lingua