O secretario xeral da Lingua participou na apertura dos XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega
Valentín García destaca "a música e o deporte como medios para socializar en galego entre a mocidade"
Incide en que a Xunta de Galicia pon o foco nos eidos nos que a xuventude ten máis presenza “con iniciativas destinadas a prestixiar a lingua”
Lembra que, ademais de apoiar “artistas que apostan por letras en galego”, tamén se traballa na creación dunha liña de axudas a entidades deportivas para o uso do idioma
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor a posta en marcha de 150 novos cursos no 2027 para persoas estranxeiras
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou hoxe os eidos da música e o deporte “como medios para socializar en galego e prestixiar a lingua, sobre todo entre a mocidade”. Así o afirmou no marco dos XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Xunta de Galicia, e que este ano levan por lema Música, orgullo e identidade.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resaltou que “a xuventude é un dos focos principais nos que se centra o Goberno galego para impulsar a presenza da lingua en moi diversos ámbitos”, facendo fincapé, neste senso, na colaboración “cos artistas emerxentes e consolidados que apostan por letras en galego”, así como “pola posta en marcha doutras iniciativas que teñen que ver co mundo dixital e tamén coa práctica deportiva”.
Precisamente, ao respecto da actividade deportiva, Valentín García lembrou que “pola súa capacidade para chegar á cidadanía e, especialmente á infancia e á mocidade”, a Xunta traballa na creación dunha liña de axudas destinada a incrementar a presenza do galego entre as entidades deportivas. Trátase dunha proposta dirixida a clubs, seccións deportivas doutras entidades, federacións, agrupacións deportivas ou outros colectivos deste ámbito legalmente recoñecidos que mostren o seu compromiso coa presenza pública da lingua, implicando aos seus participantes e familias, aos profesionais e aos referentes deportivos.
Ademais, o responsable de Lingua tamén incidiu en que estas disciplinas “serven como ferramentas para que as persoas non nadas en Galicia se acheguen ao noso idioma e á nosa cultura á vez que se integran socialmente na Comunidade”. Co mesmo cometido, explicou, a Xunta lanzará o vindeiro ano 150 novos cursos de introdución á lingua e cultura galegas coa intención de alcanzar as 2.000 persoas estranxeiras asentadas no territorio, tras as 1.500 que realizaron esta formación na edición pasada e que son “potenciais novos galegofalantes”, apuntou.
Son todas elas, puntualizou Valentín García, propostas que se encadran nas 700 medidas recollidas no novo Plan de normalización da lingua galega, aprobado hai uns días na Cámara galega co acordo da maioría de grupos parlamentarios e para as que a Xunta de Galicia contará cun orzamento de 14,5M€.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua