O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na inauguración do encontro na Cidade da Cultura
A Xunta apoia a VI Xornada de promoción escénica que reúne 110 profesionais para impulsar a contratación de espectáculos
A cita, organizada por Escena Galega, acada a súa maior participación con 42 representantes de concellos, festivais e salas privadas
A iniciativa conta, ademais, con 45 compañías e distribuidoras, renovando tamén o seu formato para favorecer o intercambio de proxectos e multiplicar os contactos comerciais
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia apoia a celebración da VI Xornada de Promoción Escénica, que reúne hoxe na Cidade da Cultura 110 profesionais para favorecer a distribución e a contratación de espectáculos galegos. Trátase dun cita enmarcada no convenio de colaboración de 28.000€ co que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe ás iniciativas da asociación Escena Galega para avanzar na profesionalización das artes escénicas e reforzar a súa posición como industria cultural.
Neste senso, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que participou na apertura do encontro, destacou a importancia de “crear espazos que conecten o traballo das compañías coas necesidades dos profesionais da programación e faciliten que os espectáculos galegos cheguen a máis escenarios e públicos”. Así, valorou a colaboración con Escena Galega para reforzar a distribución e a comercialización como parte do desenvolvemento profesional do sector.
Ademais, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou que “o apoio á creación debe ir acompañado de ferramentas que favorezan a circulación das propostas e a súa contratación”. Nesta liña, salientou o papel da xornada, na que participan 42 profesionais da programación de concellos, festivais e salas privadas, a cifra máis alta das súas seis edicións, xunto con 45 compañías e distribuidoras, para dar a coñecer novos proxectos, estreitar a relación entre os distintos axentes e avanzar na planificación das próximas programacións.
Novos formatos para compartir proxectos
No marco da programación desta xornada cómpre destacar a proposta Micro aberto!, unha dinámica de diálogo que por primeira vez dá voz aos profesionais da programación para presentar as súas iniciativas e proxectos. Este foro permite tamén reflexionar sobre as relacións de traballo no sector e avanzar parte da actividade que Escena Galega prepara para 2027, ano do seu 25º aniversario.
Pola súa parte, o espazo O que a escena galega ten no forno achega as propostas nas que traballan as compañías de cara ao próximo ano. Ademais de espectáculos, as presentacións abranguen procesos de creación, iniciativas artísticas e proxectos pedagóxicos.
Café e dossier reformula a rolda de negocio mediante encontros nos que varias persoas responsables de programación comparten mesa coas compañías. A organización busca así ampliar os contactos de cada reunión e dispoñer de máis tempo para coñecer as propostas, nun ambiente profesional e próximo. O programa complétase con espazos de conversa e intercambio informal.
Ademais desta xornada, o convenio da Xunta con Escena Galega apoia o programa Acompaña, que ofrece asesoramento personalizado en xestión económica e empresarial, comunicación, distribución e lingua. O acordo inclúe tamén o acceso das compañías galegas ás ferramentas e servizos da Federación Estatal de Asociacións de Empresas de Teatro e Danza e a cuarta edición dos Recoñecementos Escena Galega, entregados o pasado 30 de xuño.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua