A Xunta apoia a participación de sete creadores galegos no festival internacional 'Eñe' en Madrid
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a programación da sección dedicada a Galicia dun certame que conta autores e editores de países de Europa e Latinoamérica
Salienta que a “excelsa calidade” e “gran talento” da cultura galega estará representada coa presenza de Chus Pato, Jesús Castro, Silvia Penas, Jesús Andrés Tejada, Antón Lopo, Ana Romaní e Yolanda Castaño, quen exercerá como comisaria
Esta cita desenvolve máis dun cento de actos en sedes culturais de Madrid e Málaga con encontros, conversas, recitais e cafés literarios entre os días 4 e 30 de novembro
Madrid, 21 de outubro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe “a ampla diversidade creativa das letras galegas co elo común da lingua e dunha calidade excelsa”. Así o aseverou na presentación da programación da nova edición do Festival internacional Eñe, que se celebrará do 4 ao 25 de novembro, en Madrid, e do 21 ao 30 do mesmo mes, en Málaga, e contará co apoio da Xunta para participación de sete autoras e autores galegos.
Precisamente, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considerou representativo do “gran talento creativo que atesoura Galicia” a celebración, un ano máis, da sección Ventá á literatura galega, que se organizará o sábado 14 de novembro, no Círculo de Bellas Artes, en Madrid. Ao respecto, destacou que se trata dunha cita consolidada entre o cento de actividades que se desenvolverán, tanto na capital madrileña como na cidade andaluza, coa participación de escritores e editores de países de Europa e Latinoamérica en encontros, conversas, recitais e cafés literarios.
Anxo M. Lorenzo avanzou que Ventá á literatura galega volverá difundir "a versatilidade e calidade literaria recoñecida dentro e fóra de Galicia”. Neste senso, apuntou como exemplo a presenza nesta edición de dúas Premios Nacionais de Poesía como son Yolanda Castaño, coa obra Materia, e Chus Pato, con Sonora, ademais de contar con Ana Romaní, Premio Nacional de Xornalismo Cultural.
De igual xeito, puxo en valor “o risco creativo e as novas linguaxes experimentais” que están a agromar en Galicia e que considerou que quedan reflectidas no festival coa participación de Silva Penas e Jesús Andrés Tejada, a través o seu proxecto Cinta Adhesiva. Da mesma forma, salientou a presenza de Antón Lopo, “quen co seu labor como poeta, narrador, dramaturgo e editor é representativo desas figuras poliédricas que atesoura a cultura galega”. E, finalmente, considerou que a participación de Jesús Castro Yáñez supón concederlles “o espazo gañado por mérito propio, a esas poderosas novas voces galegas, presente e futuro do potencial das nosas letras”.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua, Xuventude