O secretario xeral da Lingua participou na entrega dos IV Premios Pódcast Ramón Otero Pedrayo, que recaeron en proxectos de centros educativos de Ourense

A Xunta incentiva a oratoria en galego entre a mocidade a través da programación do ‘Ano Oteriano’

Valentín García salienta a estratexia lingüística do Goberno galego para prestixiar o noso idioma nas plataformas nas que a xente nova ten máis presenza, ao abeiro do novo Plan xeral de normalización da lingua

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca a “absoluta vixencia” para as xeracións actuais do legado do ‘Patriarca das Letras Galegas’

O traballo gañador foi ‘Ave Pedrayo II’, do colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas, mentres que ‘Don Ramón’, do instituto Otero Pedrayo, obtivo o segundo galardón e Samuel Barreiro, do centro escolar María Auxiliadora, recibiu a terceira distinción

Amoeiro (Ourense), 26 de outubro de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega a tres proxectos de centros escolares de Ourense dos IV Premios Pódcast Ramón Otero Pedrayo, certame que conta co apoio da Xunta “co obxecto de incentivar a oratoria en galego entre as xeracións máis novas e a través da programación do Ano Oteriano, que lles está permitindo redescubrir a figura do intelectual galeguista, gran mestre nesta disciplina e baluarte do noso idioma”.

Na entrega dos premios na Casa Museo de Trasalba, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o interese que esperta este concurso e a calidade dos tres traballos gañadores que, segundo salientou, “demostra que a lingua galega é unha ferramenta moderna, actual e totalmente válida para as novas formas de comunicación da xente moza, como é o caso dos pódcast”. Neste senso, destacou o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas, a través da súa estratexia lingüística dirixida a “prestixiar o noso idioma nas plataformas nas que a xente nova ten máis presenza”, ao abeiro do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado este mesmo mes por unha ampla maioría do Parlamento de Galicia.

De igual xeito, Valentín García destacou o protagonismo deste certame dentro da “ampla e diversa programación”, perfilada ao longo deste 2026 coas principais entidades culturais galegas para conmemorar o Ano Oteriano, “á altura da relevancia que o homenaxeado tivo e mantén na cultura galega contemporánea”. Ademais, fixo fincapé en que Pedrayo foi “un dos protagonistas máis activos no prestixio e rexeneración do noso idioma no primeiro cuarto do século XX, o que o converte nun referente con absoluta vixencia para as actuais xeracións”.

Tres gañadores

En canto aos  proxectos gañadores desta cuarta edición dos Premio de Oratoria en Formato Pódcast Ramón Otero Pedrayo, o primeiro galardón recaeu no traballo Ave Pedrayo II, do colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas de Ourense; mentres que o instituto que leva o nome do Patriarca das Letras galegas, tamén na cidade de As Burgas, logrou o segundo posto, con Don Ramón e, finalmente, Samuel Barreiro Pérez, do colexio María Auxiliadora, na capital ourensá, obtivo a terceira distinción.

O certame, convocado pola Asociación de Amigos de Otero Pedrayo en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua, a cooperativa agroalimentaria Coren e a Fundación Otero Pedrayo, está dirixido a estudantes galegos de 15 e 25 anos e conta cunha dotación total de tres mil euros, repartidos en tres categorías, ademais de diferentes agasallos aos gañadores. Os pódcast debían versar preferentemente sobre cuestións vencelladas ao universo oteriano, como o medio natural, a paisaxe, a sustentabilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición oral.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Cultura, Xuventude, Lingua