O secretario xeral da Lingua presentou o espectáculo multiartístico ‘O son do ar’ e a nova xira de Os Bolechas, que percorrerá 21 concellos ao abeiro desta iniciativa

Valentín García destaca o programa FalaRedes na “transmisión do galego no ámbito de lecer familiar”

Incide en que a nova programación encádrase nas 50 primeiras iniciativas que se están poñendo en marcha no marco do novo Plan xeral de normalización aprobado no Parlamento

Lembra que se trata dun programa “que medra cada ano como unha importante ferramenta de dinamización da lingua en contextos periurbanos”

As funcións dos bonecos televisivos comezan este venres en Valga e continuarán ata finais de decembro cunha última función en Begonte

Pola súa parte, a proposta musical e de danza terá tres postas en escena en Viveiro, O Barco de Valdeorras e Lugo

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou hoxe “o papel esencial na transmisión do galego no ámbito do lecer familiar” de FalaRedes, que vén de reforzarse no marco da posta en marcha das iniciativas do Plan xeral de normalización da lingua galega que a Xunta desenvolve xa tras a aprobación no Parlamento pola ampla maioría dos grupos.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apuntou que se trata dunha das medidas “coas que poñemos o foco na infancia e na familia” e que supón, tal e como detallou, “unha importante ferramenta de dinamización da lingua, especialmente entre a cativada, sobre todo en contextos periurbanos”.

Por unha banda, Valentín García erixiu o espectáculo multiartístico O son do ar, presentado esta mañá, nun “recurso que prestixia a lingua a través da danza, o canto, a narración e a poesía en directo”, á vez que “rende unha homenaxe á emigración galega do pasado século”.

Trátase dunha proposta que conta coa narración de Luís Iglesia, coa voz de Paty Lesta, a danza de Ricardo Fernández, o piano de Cristian Leggiero e o caixón de Moisés Fernández, baixo a dirección artística de Iván Villar. Poderá verse o 8 de novembro en Viveiro (Lugo), o 4 de decembro no Barco de Valdeorras (Ourense) e o 22 de decembro na cidade de Lugo.

Os Bolechas en 21 concellos

Ademais, o responsable de Lingua acaba de presentar unha nova xira de Os Bolechas que nesta edición chegará a un total de 21 concellos, baixo o título Aquí hai moito ruído, tamén ao abeiro do programa FalaRedes.

Así, tal e como se detallou na presentación, as funcións dos bonecos televisivos comezarán este venres en Valga (Pontevedra) e continuarán o sábado en Ordes (A Coruña) e o domingo en Abegondo (A Coruña).  O xoves 12 chegarán á Teixeira (Ourense), o 13 a Padrón (A Coruña) e o 14 aos tamén municipios coruñeses  de Coristancoe e Arzúa.  Outes, Bergondo e Ares (A Coruña) serán as seguintes paradas os días 15, 22 e 26, mentres o 27 visitarán Baiona (Pontevedra).

Xa en decembro, o día 4 e 5, Os Bolechas actuarán nas localidades coruñesas de Negreira e Fisterra, respectivamente. O 6 o espectáculo trasladarase a Palas de Rei (Lugo), o 11 a Rois e o 12 a Carral, ambos os dous na provincia da Coruña. Tamén o 12, gozarán dos personaxes en Cerdedo Cotobade (Pontevedra), facendo as últimas paradas o 13 de decembro en Allariz (Ourense) e en Vedra (A Coruña), Cedeira (A Coruña) e Begonte (Lugo) con datas aínda por confirmar.

Toda a información coas datas, lugares e horarios poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Lingua