O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa nos actos conmemorativos co gallo do nacemento do autor, que se celebran o Día da Lectura na súa vila natal
López Campos anuncia que a Xunta contribuirá á homenaxe das Letras Galegas 2027 a Neira Vilas cunha programación “á altura da relevancia da súa figura”
Salienta a importancia para o fomento da lectura e en galego dun dos pioneiros da literatura infantil e xuvenil no noso idioma
Destaca que o compromiso do Goberno galego neste eido verase reforzado coas medidas específicas recollidas no Plan xeral de normalización da lingua
O representante do Executivo autonómico pon en valor a suba en nove puntos da lectura de libros en galego “cun 72 % de persoas que le habitual ou ocasionalmente”
Vila de Cruces (Pontevedra), 3 de novembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia contribuirá á homenaxe das Letras Galegas 2026 a Xosé Neira Vilas cunha programación “á altura da relevancia cultural e intelectual desta figura, que vai máis alá da creación do memorable Memorias dun neno labrego”. Así o adiantou durante o acto de homenaxe a este autor, co gallo da celebración do 98 aniversario do seu nacemento, no que se levou a cabo unha lectura continuada deste libro, na sede da Fundación co seu nome, en Vila de Cruces.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o responsable de Cultura do Goberno galego amosou a satisfacción pola decisión da Real Academia Galega de dedicarlle as Letras Galegas 2027 a Neira vilas, “un dos nosos autores universais e pioneiro da literatura infantil e xuvenil en galego co célebre Balbino, protagonista do libro máis lido, traducido e editado da literatura galega”.
Neste senso, trasladou o compromiso da Xunta de “sumarse desde xa” a estes actos conmemorativos cunha programación “propia e de calidade” para difundir e pór en valor “o seu importante legado, resultado dunha intensa actividade cultural e intelectual”. Ao respecto, o conselleiro lembrou que Neiras Vilas foi un “inesgotable e prolífico editor, investigador, activista cultural e cronista da Galicia da emigración”. Ademais, fixo fincapé en que se converteu nun “importante e pioneiro dinamizador cultural do rural galego coa Fundación Neira Vilas, creada á súa volta de América”.
Precisamente, o representante do Goberno galego felicitou a Fundación Neira Vilas polo labor que desenvolve e que “segue mantendo vivo o recordo e o espírito dun dos máis grandes escritores das letras galegas”. Neste senso, enxalzou a figura do crucense que “grazas a actividades como as de hoxe, poñemos de manifesto o valor que deu e continúa dando á literatura da nosa terra e ao uso da nosa lingua”.
Día da Lectura
No marco deste acto, López Campos salientou o feito de que, coincidindo con esta data, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude festexa tamén o Día da lectura. Con este motivo, fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa creación de obras en galego coa posta en marcha diferentes tipos de axudas para a edición e distribución de libros no noso idioma ou a colaboración en convocatorias de premios como o Xosé Neira Vilas.
Ao respecto, apuntou que nos Orzamentos para este 2027 o Goberno autonómico destinan máis de tres millóns de euros a seguir contribuíndo a aplicación das medidas do Plan de dinamización da lectura de Galicia, con especial relevancia nas específicas recollidas no Plan xeral de normalización da lingua galega, entre as que salientou o pulo á creación de clubs de lectura en galego, o deseño de accións de dinamización da lingua para os escolares fóra da aula ou a promoción da tradución e adaptación ao galego de obras de relevancia internacional.
Nesta liña, considerou significativo dos bos resultados destas iniciativas o feito de que o último Informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia 2025 recolle “unha suba significativa na porcentaxe de galegos e galegas que asegura ler habitual ou ocasionalmente libros na nosa lingua”. Así, destacou que se pasou do 63,6 % en 2024 ao 72 %, “o que supón un incremento de nove puntos”.
O libro en galego máis editado e traducido
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015), homenaxeado co Día das Letras Galegas 2027, foi un recoñecido e premiado escritor galego, membro da Real Academia Galega, e galardoado coa Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia. Conta cunha ampla produción narrativa entre a que destaca Memorias dun neno labrego, que acabou converténdose no libro escrito en galego máis editado e traducido.
Esta obra, publicada en 1961, narra a historia de Balbino, un neno que medrou nunha aldea galega e que tivo que afrontar as dificultades da vida rural e a sociedade daquela época. Co tempo acabou converténdose nun clásico da literatura galega, onde se retrata a vida dunha xeración marcada pola emigración e a pobreza.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua